O IV 'Activa Combarro' encherase con cultura, patrimonio e historia

Xurxo Souto e Tamara Andrés guiarán unha ruta explicativa polo centro da vila monumental ▶O Club Mariño A Reiboa asumirá a tarefa de transmitir a cultura marítima da vila ▶A Oficina do ARI e o Combarro virtual, novos protagonistas da cita

Marga Caldas, edil de Deportes, no centro, con Tamara Andrés (esq.), a responsable do ARI (dta.) e organizadores do evento, que será o sábado. J.L. OUBIÑA
photo_camera Marga Caldas, edil de Deportes, no centro, con Tamara Andrés (esq.), a responsable do ARI (dta.) e organizadores do evento, que será o sábado. J.L. OUBIÑA

O Activa Combarro, unha xornada que se vén realizando desde hai máis de cinco anos na vila poiense, era, ata o momento, recordado como o día no que, a base de pedaladas de voluntarios (tamén políticos) se conseguían acender todo o sistema de iluminación do Concello, acumulando enerxía eléctrica xerada en bicicletas estáticas. A partires da nova edición deste ano, a data será lembrada como un evento multidisciplinar para gozar do Combarro máis cultural e turístico desde unha perspectiva diferente.

Así o explicou onte Marga Caldas, responsable da área de Deportes, que expuxo os detalles da programación nunha convocatoria na que, entre outros, estiveron Tamara Andrés, a poeta poiense, e responsables do Club Mariño A Reiboa.

«O Activa vaise innovar con diferentes eidos, como a historia, a cultura e o turismo», adiantou a concelleira antes de presentar a programación, na que un dos protagonistas será a realidade aumentada.

Os 50 primeiros asistentes ao mostrador sinalado conseguirán gafas de realidade virtual 3-D para facer unha visita 3.0 vendo, entre outras cousas, planos a vista de paxaro da vila monumental e algunha sorpresa. Aqueles que non poidan estar entre os 50 primeiros tamén poderán contar coas gafas, pero pagando. A programación terá tamén como protagonista unha visita guiada teatralizada. Será ás 12.00 con partida da Praza da Chousa. Non é preciso inscribirse, só presentarse e estar disposto a escoitar a Xurxo Souto, que exercerá de guía, coa axuda de Tamara Andrés, quen promete crear un personaxe especial para dinamizar tanto esta visita como os obradoiros culturais que realizará cos cativos xa pola tarde (17.45 horas) na Praza Rualeira. A visita guiada contará, ademais, coa participación de varios residentes no Combarro vello que exporán datos e experiencias sobre as grandezas desta zona monumental.

A oficina da ARI de Combarro será outro dos puntos de referencia nesta data. Estará aberta todo o día e ofrecerá datos e información sobre a nova remesa de axudas, confirmada a semana pasada, así como das tarefas realizadas en anos anteriores. Tampouco faltará a cultura mariñeira, cun punto de exposición da Cultura Marítima a cargo do Clube A Reiboa, nin a música, a cargo de Soul Breakers, nunha sesión vermú que se desenvolverá desde as 13.00 horas.

Deporte: Só quedan 22 prazas na carreira popular
O ‘Activa’ contará con deportes, «como vén facendo desde un principio», porque esta é unha das súas facetas máis exitosas. Están abertas as inscricións nas carreiras populares infantís e de adultos. No caso da dos maiores, hai un cupo total de 200 prazas, pero só quedaban 22 dispoñibles ao peche desta edición (championchipnorte.com). A carreira será solidaria (no formato quilo, con doazóns para os servizos sociais). E por último, as bicicletas estáticas estarán no sitio onde estiveron nas edicións anteriores para cumprir co reto anual de xerar enerxía para acender Combarro.

Comentarios