A IV Baixada de Carrilanas Carballeira de San Xusto terá lugar mañá

Tras dous anos de restricións pola pandemia a Baixada de Carrilanas volve a percorrer as estradas de San Xurxo de Sacos
Unha das carrilanas da última edición. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Unha das carrilanas da última edición. OLGA FERNÁNDEZ

Os veciños e veciñas de San Xurxo de Sacos xa se están a preparar para a IV Baixada de Carrilanas que terá lugar na Carballeira de San Xusto a partir das catro da tarde deste próximo sábado.

A actividade recuperada tras dous anos de pandemia retorna ao calendario do Campionato Galego da modalidade e "volverá atraer público e participantes pola súa espectacularidade", segundo informou Jorge Cubela, o alcalde da vila. Pese a levar dous anos sen poder desfrutar dun evento coma este o goberno local salientou que "o nivel dos participantes vai camiño de superar o das convocatorias anteriores".

Esta proba terá como percorrido un tramo duns 1.200 metros en total dende o cruce coa estrada N-541 ata as inmediacións da carballeira de San Xusto. O Concello anunciou que, tras dous anos sen esta Baixada, a vila desfrutará ao grande deste evento. Por iso mesmo a organización ten previsto instalar un servizo de bar e un DJ que amenizará con música, en vistas da previsión meteorolóxica de altas temperaturas que se esperan para mañá.

Esta actividade estará organizada polo Concello de Cerdedo-Cotobade e contará coa colaboración e o apoio da Federación Galega de Deportes de Inercia.

Cubela quixo agradecer o compromiso que tiveron os mozos e mozas de San Xurxo de Sacos na organización da proba. Tamén puxo en valor o esforzo da Federación Galega de Deportes de Inercia e a aposta que fixo ao volver a organizar este evento no Concello de Cerdedo-Cotobade. "Estou convencido de que recuperará o seu esplendor despois do parón da pandemia xa que esta proba se caracteriza pola espectacularidade da baixada e o gran traballo da nosa mocidade para que todo saia a pedir de boca", declarou o primeiro edil animando a todos os veciños a acudir a esta cita.

Comentarios