Jorge Canda Martínez, alcalde de A Lama e candidato do PP á reelección

"Empecei 2018 cun orzamento de 1,3 millóns e liquideino en 3,4; Que alcalde fai iso?"

Preséntase por sétima vez para levar o timón do Concello da Lama, onde a súa principal preocupación é manter o nivel de servizos a unha poboación decrecente. Como o fará? Parece que o camiño escollido para o vindeiro mandato pode ser a redución de taxas, visto que medidas como o 'cheque bebé', "non acabaron de funcionar"

Jorge Canda. RAFA FARIÑA
photo_camera Jorge Canda. RAFA FARIÑA

Jorge Canda ten 62 anos recén cumpridos e leva desde o 85 na Corporación, o cal fai que a súa vinculación como concelleiro coa Lama sume 34 anos, aínda que  durante 24 foi o rexedor. A sétima convocatoria preséntase preocupado pola despoboación.

Volve vostede a ser candidato, pero este mandato anunciou que se non lle facían unha das obras que pedía non se presentaba. Que pasou?
Pois que lle dixen á Xunta que se non me facían a obra da estrada de Antas a Seixido non me presentaría máis. Xa se acometeu a primeira parte dese proxecto e estamos á espera da segunda, onde xa saíu a exposición o tema dos terreos, porque conseguimos 150 cesións, quedando no expediente unhas sete sinaturas. Non fomos capaces de contactar coas súas familias, no extranxeiro, e polo tanto serán expropiados.

A pesares dese momento de presión, parece que vén de catro anos de navigación por augas pacíficas. Como valora á oposición?
Ben, pode parecer que estiveron tranquilos, pero foime como sempre. Enrique Vaqueiro, o voceiro do PSdeG tomou a dinámica de non propor nin pedir nada. A súa idea é que así o alcalde non fará nada e que, se o alcalde non realiza cousas, iso daralle votos. Pero non é así en absoluto. Ademais, ao ser presidente dunha asociación, pasou das subvencións ao seu dispor. Preparamos unha solicitude de axuda do PAC e el non a quixo asinar, mentindo aos veciños, porque dixo que o orzamento estaba inflado. Era un proxecto feito por técnicos municipais. Non quixo asinar a documentación, e non quixo entregar os documentos necesarios para o centro social e non presentou o preciso para cedelo. E nunca nos apoiou coa Deputación, coa que temos un litixio.

Sobre as fusións
"Desde A Reigosa, ata A Barcia habería 32 quilómetros. Sería demasiada extensión. Hai que buscar outra solución"

A que se refire?
Pois ao conflicto que xurdiu polas axudas de DepoRemse. Nós non estamos de acordo coa valoración que deron os técnicos provinciais ao noso proxecto. Nós presentamos un proxecto para a realización de unha mellora urbanística fronte ao Concello, fronte ao edificio de usos múltiples e obradoiro. As bases daban unha puntuación por quilómetro cadrado, o cal se usa para baremar os concellos. Nós presentamos o documento técnico cos datos de extensión que figuran no noso inventario, o cal está aprobado e en vigor. Temos 185 quilómetros cadrados e a Deputación ponnos 101. De aí que, dos quince puntos que nos correspondían se todo fora como nós pensabamos, nos deran dez. Pois os socialistas da Lama nin se molestaron en preguntar.

E Ciudadanos, sintoniza mellor co Partido Popular?
Ciudadanos ten un concelleiro. Fala de cousas que non teñen que ver co concello. Acaba de pedir que limpen o Vía Crucis de Xende. É da Igrexa, non municipal, non se pode actuar sen permisos nin cesións. E nos plenos igual. Fai pouco debatimos por un crédito que pediu o Concello, cando o Concello non pediu tal. Onte criticounos por un bache. A estrada é da Deputación... Polo menos que diga que o Concello elabore un escito para pedir á Deputación. Moito pedir sin saber... Temos unha liquidación de conta do luns de máis de 500.000 euros...

Logo está contento co resultado económico deste mandato?
A liquidación ofrece un remanente de 575.000 euros. Acúsannos de non repartir nas parroquias, cando temos 94 lugares que recibiron un Orzamento de 1,5 millóns que se liquidou en 3,4 millóns de euros. A ver que alcalde fai o que fixemos nós no último exercizo.

Sobre a Deputación
"Temos un litixio polas axudas DepoRemse e o PSdeG local nin preguntou por iso"

E A Lama está polas fusións?
Eu xa dixen cando se fusionou Cerdedo con Cotobade que estaba a favor. Daquela dixéronme que as defendía máis que os alcaldes implicados. Eu creo que as fusións son boas, pero hai que pensar en outras fórmulas. Por exemplo, se fusionamos A Lama e Ponte Caldelas. Desde A Reigosa, que é o primeiro lugar de Ponte Caldelas, ata A Barcia, que é o que limita con Ourense, na Lama, temos 32 quilómetros. Teriamos un concello que tería 32 quilómetros de extensión de punta a punta. Sería demasiado. Hai que buscar outra solución.

Logo que propón para darlle viabilidade aos concellos pequenos?
Pois tiña que saír da Comunidade Autónona ou do Estado non ir a iso. Como se vai xestionar esa extensión de terreo? Un alcalde só para xestionar as necesidades de todas as parroquias e lugares de Cerdedo e de Cotobade é un superalcalde. Imaxine JOrge Cubela, tendo que ir de Valongo a Filgueira. Iso é de locos. Habería que mandar unhas parroquias a uns concellos e outras a outras. Ademais, creo que hai que facer fusións en servizos. O certo é que Cotobade e Cerdedo reduciron os impostos e iso é algo que todos valoran positivamente. Todos poderiamos facer o posible para reducir taxas.

A despoboación. "A perda de veciñanza é un revés que teño, e que espero que a Lama supere no futuro"

Como loita A Lama contra a despoboación?
Levo 24 anos de alcalde. Entrei con 3.000 habitantes. Temos 2.430 polo INE e o Concello ten empadroados 2.530. Hai 80 persoas de diferenza e estamos regulando isto. En 24 anos o baixón foi de 500 persoas ou mais. Delas, como alcalde, coñezo que os casos son por falecemento. Uns 70 ou máis ao ano. Outro elemento é a emigración. A nosa xuventude ten oportunidade de ir a buscar postos de traballo e iso estase notando. Cando entrei quixen crear un polígono para ofrecer empregos, pero cando iso comezou chegou a crise e freou todo. Pero tamén outros sitios como Ponte Caldelas, con bastante máis industria. Nós agora estamos dando cheques bebé, con mil euros para xudar aos nacementos pero non houbo sorte. É un revés que teño e que espero que A Lama supere no futuro estimulando máis á sociedade.

E como o fará?
Pois pola vía dos impostos. Somos un concello que as taxas e os impostos están conxelados desde fai anos. Neste ano fixemos rebaixas para non cobrar os IBI de menos de 12 euros, -deixamos de cobrar 40.000 euros-. E no próximo mandato baixaremos os impostos, o 10% do lixo de Sogama e tamén por todos os tipos dos demais ao mínimo para que a xente conte con recursos e vantaxes na Lama.

Comentarios