Jorge Cubela: "Haberá unha segunda adicación exclusiva para Lourdes Ovelleiro"

O alcalde inicia o seu terceiro mandato apostando incluso por presentarse en 2023

Jorge Cubela. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Jorge Cubela. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

ALCALDE máis novo de España cando foi elixido por primeira vez con 22 anos, primeiro alcalde electo do municipio de Cerdedo-Cotobade e agora, tamén voceiro do PP provincial na Deputación ao cumprir os 30 anos. Jorge Cubela fai repaso ás claves dos últimos comicios e ás do futuro mandato.

Vén de ser designado voceiro do PP na Deputación Provincial xunto con Pepa Pardo, como cre que será este periodo de sesións?
Agardo que sexa un mandato novo, diferente e de diálogo cos concellos e cos alcaldes de todas as cores políticas e non na forma en que estivo presidido nestes catro anos. Nós, o grupo popular, imos a ser construtivos pero mantendo unha labor fiscalizadora e de control da acción de Goberno da Deputación, contando cun gran equipo de deputados no que a renovación foi do cen por cen, e que ten o exemplo da gran labor que fixo o anterior grupo do PP.

Vostede pasa de ser un dos poucos alcaldes que non foi recibido pola presidenta, Carmela Silva no anterior periodo, a ser o seu interlocutor para este novo. Como están as cousas entre vostedes?
A nivel formal non houbo cambios, pero si é certo que a presidenta me saudou o outro día nun momento no que saía dun acto e me felicitou polo resultado obtido polo PP en Cerdedo-Cotobade.

E vostede a ela?
Tamén a felicitei, claro. Con respecto a nós, o resultado era incontestable (nove concelleiros por tres do PSdeG e un do BNG) nun concello e nun mandato no que a Deputación tomou parte activa contra a fusión. Dito isto, hai que separar o político do persoal e penso que sempre debemos aspirar a unha relación cordial.

Que ideas pensa poñer sobre a mesa nesta nova etapa?
Teño tres ideas: unha, que a Deputación ten que ofrecer dispoñibilidade técnica dos seus equipos para asesorar aos concellos en cuestións como Urbanismo e Servizos Públicos. O segundo, que o reequilibrio ten que pasar por redefinir servizos e distribuilos afastándose do reparto discrecional a concellos afíns ou non, e a terceira e indispensable, que a Deputación ten que liderar a comarcalización dos parques de Bombeiros e Emerxencias. Isto é algo que se sufriu en Tenorio e que eu defenderei que é fundamental. Acaban de pasar unhas eleccións e é momento de poñer o contador a cero a traballar moi seriamente para conseguilo.

O PP de Pontevedra ven de anunciar que Jorge Cubela compartirá con Pepa Pardo o labor de voceiro na Deputación

Dixo que é incontestable a súa victoria, pero un mes despois, como valora o resultado?
Antes das votacións, había opinións para todos os gustos. Eu tiña a ilusión de ter unha maioría forte para contar con un Goberno de amplo respaldo electoral co que poder dirixirme ás administracións e poder demandar máis proxectos, investimentos e servizos. E tivémola. Somos a cuarta maioría absoluta en porcentaxe de votos da provincia. O resultado é un gran éxito porque chega nas primeiras eleccións da fusión, e nun momento no que os termómetros da política lle marcan ao PP unha temperatura moi baixa.

E cales foron as claves para non sufrir o castigo ao PP, nin á fusión?
Bueno, sobre todo, non nos deixamos levar por terceiros: fomos coherentes e centrámonos en traballar con intensidade e con unidade entre nós e conseguimos chegar a un escenario electoral sen a presenza de Ciudadanos, Vox ou opcións independentes, o cal foi tamén favorable.

Debemos entender que era un momento delicado, despois da unión do PP cotobadés co de Cerdedo?
Onde hai bolsas de descontento hai propostas deste tipo. Podería darse o caso de que se xenerase cabreo ou malestar, pero non sucedeu. O que non pode pensar a xente é que isto foi unha lúa de mel. Foron tres anos moi duros e de moito traballo. De buscar acordos, de atopar fórmulas para beneficiar a todo o territorio e iso é mérito de todos, tamén dos concelleiros saíntes e de José Balseiros.

Isto non foi unha lúa de mel. Foron tres anos de traballo moi duro

Tamén fala de terceiros. Que son eses terceiros?
Os outros partidos. oposición moi dura. A veces atopeime con debates espúreos sobre certas cuestións que o tempo demostrou que non eran verdade. Pero mantivémonos fortes, actuamos con coherencia e sen bandazos e o resultado está aí.

Que pasou con Cerdedo? Só tres de trece ediles serán desta zona...
Mirando as listas pódese constatar que o PP é o único partido que cría na fusión e na igualdade dos dous territorios fusionados. Eu decidín que a número 2, Lourdes, fora de Cerdedo e quixen que a miña lista representaran con equilibrio ás 21 parroquias. Dez membros da lista eran de Cerdedo e 13 de Cotobade. Eu critico que o BNG e o PSdeG menosprezaran ese territorio e contaran con representantes de Cerdedo case para os postos de honra, aínda que, no caso dos socialistas non me sorprende, cando o edil de Cerdedo que fora cabeza de lista en 2015 pisou o salón de plenos dúas veces en todo o mandato...

Outra cuestión que chamou moito a atención é que contara con Lourdes Ovelleiro no número 2, pois ao ser funcionaria municipal en Cerdedo non pode compatibilizar ambos papeis...
Lourdes é, como vostede di, unha funcionaria municipal de Cerdedo que demostrou sempre gran capacidade e implicación. A súa situación administrativa actual é a de Servizos Especiais. Tiña un soldo como funcionaria e haberá unha segunda adicación exclusiva para ela. Non ía presentarse como número dous para enganar ao electorado e non asumir a acta. A situación económica das arcas municipais non variará, pois eu materei o meu soldo do anterior mandato e ela o que tiña como funcionaria. Só haberá que cambialo de partida.

Acaban de pasar as eleccións e é momento de poñer o contador a cero e traballar para a comarcalización dos Bombeiros

Ten previstas máis novidades?
Teremos dúas tenencias de Alcaldía. Unha será a de Lourdes e outra a de Fernando Vázquez. Os dous terán unha especie de territorialidade, é dicir, que priorizarán a atención ela ás cuestións de Cerdedo e el ás de Cotobade. Teremos unha comisión informativa máis: a de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, que presidirá Galiza Aguete, quen terá un papel importante, pois queremos dar resposta a toda a problemática da violencia contra a muller e a desigualdade.

E a nivel programático, cales serán as liñas guía?
Quero que nos centremos como Goberno en tres cuestións: a atención aos maiores, o desenvolvemento industrial e a fixación de poboación. A atención aos maiores terá que supoñer a construción das dúas residencias: a de Cerdedo, que está en fase de ampliación, e a de Carballedo. A política industrial pasa por desenvolver o proxecto de Monte Mocín, pero tamén por dinamizar o Parque de Folgoso. E a fixación de poboación terá que vir de acordos con empresas para xerar emprego e afianzaremos, con de Medio Rural, acordos que permitan diversificar o noso rural.

A oposición fixo unha defensa de desbotar Monte Mocín e apostar por Tenorio en campaña...
Salgueirós foi tumbado polo Servizo de Incendios e a eles lles pedimos o informe do lugar ideal segundo os criterios deste departamento, e eles recomendaron Monte Mocín, o resto son ideas para arrincar dez votos.

Volverá a presentarse en 2023?
O corpo pídeme volver presentarme, si. Quero seguir conseguindo obxectivos e devolverlle aos veciños toda esta confianza.

Comentarios