Jorge Cubela López: "Cando me elexiron en 2011 tamén dixeron que me iría pronto e sigo aquí"

O presidente da Xunta Xestora de Cercedo-Cotobade foi designado polo seu partido para ser candidato á Alcaldía de Cercedo-Cotobade

Cubela López, nun dos bancos da Praza do Concello, co edificio consistorial de Carballedo ao fondo. J. CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Cubela López, nun dos bancos da Praza do Concello, co edificio consistorial de Carballedo ao fondo. J. CERVERA-MERCADILLO

SÓ PASARON un par de días desde que Jorge Cubela (Pontevedra, 1989) fose designado polo seu partido para ser candidato á Alcaldía de Cerdedo-Cotobade. Xa liberado da etiqueta de alcalde máis novo de España que lle puxeron en 2011 , vén de culminar a fusión de dous concellos, que ademais pilota baixo a figura de presidente da Xunta Xestora, así que se repite resultados pode ser primeiro alcalde (electo) do concello fusionado.

A súa designación como alcaldable é todo menos sorpresa.
O primeiro congreso do PP de Cerdedo-Cotobade, fai 15 meses , deixou moi claro a base sólida que temos. A presenza numerosa de veciños que tiñamos alí é un impulso. Despois de oito anos podía valorar outras posibilidades, pero quero culminar este proxecto. Temos obras en marcha por oito ou nove millóns de euros. O máis coherente era dar constancia e presentarme por terceira vez.

A veces os partidos non deixan marchar aos alcaldes que gañan. Ten medo de quedar encasillado?
Non. Vivo o día a día. O caso de Campo Lameiro e a xubilación de Julio Sayáns é un exemplo de que o partido fixo ben as cousas. Hai candidato de consenso e unha saída positiva para alguén que loitou tanto como Julio Sayáns polo seu concello. Quen se atope con forzas e obteña respaldo electoral, respecto a decisión de quen se presenta.

Tivo a etiqueta de alcalde máis novo, sempre deixándose ver coa cúpula do partido... Sempre planeou sobre vostede a pantasma da fuga cara cargos superiores?
Pois xa se dixo en 2011 que non ía durar moito, que me ían dar un posto en Santiago e aquí sigo, oito anos despois. Estou moi vencellado ao municipalismo, estou no comité provincial do PP e considérome persoa deste concello. Quero culminar este proxecto. Non vou caer na tentación de postularme para nada. Hai que ser humilde e no partido hai xente válida para todos os cargos.

Unir Cerdedo e Cotobade foi a fórmula ideal para afianzar aínda máis a maioría absoluta? Nestes concellos onde xa non estaba o BNG e onde non prosperan os emerxentes, está cantado o resultado?
Home. Eu digo que nos últimos 12 anos a política cambiou moitísimo. As maiorías absolutas son carísimas. Os representantes políticos sabemos que igual que nos poñen nos quitan. O certo é que quero aglutinar o voto dun centro dereita ata centro esquerda. Os veciños tamén valoran á persoa e nese sentido conto con que se entenda o traballo inxente que hai feito. Mañás, tardes e fins de semana atendendo todo o que se puido. Aquí non estivemos a velas vir, e penso que se nota.

Que ten que dicir dos partidos da oposición?
O que xa dixen. Que ían aparecernos últimos dous meses e iso están facendo. O BNG estivo ausente, non nos últimos catro anos, senón nos oito. O PSdeG iniciou unha renovación para ver se atopaba candidato novo, pero parece que non resultou. Foi un mandato perdido. O voceiro de Cerdedo en 15 meses veu só a un Pleno ordinario. Iso debe ser calificado polos electores.

Atópase cómodo cos rivais?
A Ernesto Filgueira feliciteino por dar ese paso adiante que non deu cando estaba máis vencellado –coa súa traxectoria social– a Pontevedra. Espero que achegue propostas serias e positivas. Do PSdeG non se sabe moi ben o candidato. Suponse que será Lina Garrido de novo, polo tanto, aí imos ver como se desenvolven os acontecementos.

Falando de Lina Garrido. Houbo moita tensión, por culpa de Viascón. Recuperaron a cordialidade institucional?
Eu son unha persoa moderada e aberta ao diálogo. Ese non é o talante de Lina Garrido. En moitos plenos actúa así. No último faltoulle aos veciños de Almofrei pola recollida de sinaturas pola estrada. Esa foi a dinámica: insúltame, chámame machista... Todo se recolle nas actas. A ver como convence ao electorado tras convertir a política nuha lameira.

E con respecto a Viascón e a polémica da N-541, hai novidades?
Resulta que o proxecto que eu conseguira paralizar co PP, reactivárono eles e dicían que non se podía paralizar. Despois dunha manifestación dos veciños sigue parado. Si que se podía parar. Agora estamos esperando a negociar a solución.

A fusión cumpre dous anos. Dicíase que isto ía mellorar a ratio de escanos do PP para os deputados provinciais. Imos velo en maio?
É mentira. Xunte os resultados do PP de Cerdedo e os do PP de Cotobade en 2015. Computándoos para escanos da Deputación nada se tería movido: tres deputados o PP, dous o PSdeG e dous o BNG.

E hai que desmentir tamén que a fusión corta a perda poboacional?
Tratamos de tomar as medidas máis necesarias e posibles, como a eliminación do imposto de construcións e que iso nos axude ao asentamento. O alcalde de Campo Lameiro dixo algo no que estou de acordo: nun concello que perde poboación, dicir que iso é culpa do Goberno, é pura demagoxia. Este é un problema endémico e sistémico. Hai que tomar medidas. Ao mellor hai que chegar a impostos cero, dígoo en serio.

E non se pode negar que funciona na captación de fondos.
Sumados os esforzos dos dous concellos estamos sacando orzamentos de cinco millóns de euros que se liquidan en torno aos sete millóns. Isto ponnos á altura de concellos de 15.000 habitantes. Esperemos que isto nos axude en dez anos a consolidar unha poboación de entre 5.500 e 6.000 habitantes. Vimos dunha crise profunda, pero temos que reactivar isto. Temos os servizos, estamos preto dos centros industriais e non somos como o interior de Lugo ou Ourense.

Temos os servizos, pero este concello non pagou o prezo de ser un concello rural na de Pediatría?
Agrupáronse os centros de saúde. O Sergas nunca amortizou esas prazas. Cando o Sergas active as prazas MIR cubrirá esas prazas. Non se perderon os servizos. E é unha prioridade para nós.

Non causa suspicacia entre concellos que este reciba sete millóns de euros ao ano, disparándose sobre outros que son similares?
Aquí hai traballo de proxectos de anos. O saneamento de Tenorio, de dous millóns de euros, que se licitará en breve, é un proxecto fraguado en 2014. Son cousas de xestión. A humanización da Chan logrouse da Deputación. As vivendas dos mestres de Cerdedo veñen de donar as vivendas no ano 2010. Moitos plans levan tempo: a ampliación da residencia de Cerdedo, desde 2015. Os baños de San Xusto... Só para municipalizar esa parcela, tardamos ano e medio... Como iso, moitas outras cousas. É cuestión de traballo, de constancia. Un concello que non ten ideas non pode esperar que lle dean. O mérito deste equipo e dos dous anteriores alcaldes, é a capacidade de xestión. Ninguén nos regalou nada.

E é frustrante ver que a poboación non acompaña, tanto esforzo?
Nestes anos morreron 180 persoas. Cerdedo chegou á fusión cunha poboación de 1.780 persoas. Os 200 que según Patricia Vilán faltaban non estaban computados. Xa non estaban no censo electoral. Ao agrupar os padróns danse de baixa. Aquí so descenderon os que faleceron. Se sumaramos todos estariamos preto de 500 persoas e non é o dato.

Vai acabar o mandato e nunca se reuniu coa presidenta provincial.
Si. Non me recibiu e non veu coñecer os problemas de todos os veciños. A presidenta atendeu a covenios con Abel Caballero deixando proxectos como a comarcalización dos parques de bombeiros que quedaron desaproveitadas polo goberno provincial. Non se deu ningún paso.

Comentarios