Jose Balseiros, novo director xeral de Gandaría e Agricultura da Xunta

Deixa a vicepresidencia municipal de Cerdedo-Cotobade para cumprir co réxime de incompatibilidades

José Balseiros toma posesión como director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias. DP
photo_camera José Balseiros toma posesión como director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias. DP

O vicepresidente municipal de Cerdedo-Cotobade, José Balseiros, presentou este venres a súa renuncia como membro do goberno local e da corporación para cumprir co réxime de incompatibilidades e tomar deste xeito posesión como novo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias da Xunta de Galicia. 

"Teño que deixar a acta e o Concello por esixencias da lei, pero sempre atenderei aos veciños e traballarei por este municipio", aclarou instantes despois de entregar a documentación pertinente no rexistro xeral. 

Balseiros explicou que xa tivo propostas para formar parte do executivo galego, pero obviounas polo seu compromiso cos veciños de Cerdedo-Cotobade: "Xa tiven opción de ir á Xunta en 2009 e 2011, pero por aquel entón había moitas infraestruturas que poñer en marcha e ademais acababa de ter un respaldo electoral do 80% que me facían imposible eticamente abandonar aos veciños". Tamén lembrou que recentemente tivo a dobre posibilidade de ser deputado no Congreso en Madrid e no Parlamento do Hórreo "e optei sen dubidalo por Santiago para estar máis preto do Concello e poder atender mellor as súas necesidades". 

Ademais, revelou os motivos que o levaron a aceptar a proposta cursada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Medio Rural, José González: "Chamoume o presidente e desta volta non lle podía dicir que non porque a lexislatura municipal está tecnicamente acabada, de feito estamos en plena precampaña, e todas as infraestrutras están rematadas, en marcha, adxudicadas para comezar de inmediato ou licitadas". 

"Deixo o Concello, pero non vou deixar de traballar por esta terra e ademais creo que, desde a miña nova responsabilidade, podo aportar cousas moi beneficiosas para Cerdedo-Cotobade, porque vou seguir implicado incluso máis ca antes", apostillou, antes de deixar claro que agarda un gran futuro para o municipio, xa que "queda en moi boas mans, as mellores, con Jorge Cubela ao fronte, que é un alcalde que sempre vai un paso por diante de todo o mundo", concluíu. 

Comentarios