José María Cortizo: "Houbo un tempo no que as vestimentas tradicionais quedaran xa para ser disfraces de Entroido"

Coñecido en Pontevedra por ter sido profesor, atleta e entrenador de atletismo, José María Cortizo é tamén antropólogo e especialista no traxe galego. Diso falará este venres en Zamora no IV Festival Internacional Florido Jardín
José María Cortizo, este mércores en Zamora ao lado dun dos traxes que expón. DP
photo_camera José María Cortizo, este mércores en Zamora ao lado dun dos traxes que expón. DP

Como comezou o seu vínculo co mundo do floclore e o traxe tradicional?
Non ten moito que ver cos meus estudos, pois son profesor de Educación Física, pero cando estiven en Madrid estudei tamén Antropoloxía, e de aí saquei un pouco os coñecementos para ter catalogado e estudar este ámbito. O gusto polo baile e o traxe tíveno ao volver a Pontevedra, onde tiña amigos que tocaban a gaita e pertencían ao grupo, daquela o único que había na cidade, que era da Sección Femenina (da Falange). Ao principio, na sección facíanse uns bailes e tíñanse uns traxes, pero eu, que nos veráns ía para A Lama e para Barcia de Seixo, vin que o folclore auténtico iba por outro lado moi distinto.

E cal era a diferenza?
Había moitas, e sobre todo, moita necesidade de volver aos orixes. No 86 aquel grupo refundouse como Dúos Pontes comigo ao fronte e dinlle un xiro de 180 graos. Daquela, aos musicólogos e a quen recolleu as cancións, chamáballe moito a atención a gaita, pero non os traxes, ou outros aspectos. As pandeireteiras, por exemplo, as melodías, a indumentaria...

Na provincia
"A principal diferenza entre os traxes do interior cos da costa son os materiais, cando máis cara ao interior son máis toscos"

Co paso do tempo, fíxose cunha colección de pezas moi significativas que non tiñan valor para os seus propietarios...
Si. Eu tiña pezas en casa, por herdanza materna, e a esas funlle sumando outras que atopei preguntando, percorrendo as aldeas. A moitas delas, a xente non lle prestaba importancia. Lembro que atopei en Pontevedra a unha rapaza de Marcón disfrazada cun mantón de mil cores, que eran dificilísimos de atopar. Faleille e aos dous días fun a Marcón a facer trato coa súa avoa. Había un tempo no que as vestimentas tradicionais do século XVIII e posterior quedaran xa para ser usadas como disfraces no Entroido. Iso sucedeu nos anos 30 e 40 do século pasado. Tamén había nas casas ese costume de apartar o antigo. O liño non se quería. As sabas de liño quedaban no faiado e usábanse outras... E a humidade acabou con todo, porque aquí se conservan peor as prendas de vestir.

Esa colección é do que vai falar mañá ás 18.00 horas, dentro do Festival Internacional de Indumentaria Tradicional de Zamora?
Diso e de distintos aspectos da historia do traxe desde o punto de vista antropolóxico, de como as clases populares copiaban á aristocracia e trataban de emular aos traxes de época, pero cos seus propios medios. Tamén falarei de aspectos psicolóxicos da cor, da función, das danzas e labores, e do que descubrín a medida que ía facendo a colección, que é a diferenza entre os traxes das vilas do interior e as da costa.

E cales son esas diferenzas?
Pois como están asociados os labores, os traxes, canto máis cara ao interior da provincia son de materiais máis toscos, máis grosos, mentres que na costa teñen unha composición máis lixeira. As pezas, como a indumentaria tradicional, era unha moda, como as que podemos ter agora, pero máis lenta en avanzar, son moi similares en todas as zonas... Nesta zona había unha peza, a esclavina, que era moi característica, con dobres puntas adiante e dúas capas. As camisas dos homes tamén eran distintas de como as uniformizou despois o sistema. É unha camisa tipo napoleónico, con colo alto, de liño e con bordados.

Na súa colección hai traxes da comarca de Pontevedra?
Si, hai un da Lama, da zona de onde son eu, e un de Tenorio, en Cotobade. Ademais de pezas de Marín, onde hai moito que catalogar, pero a xente é desconfiada, non amosa tanto os detalles do que se conserva.

Comentarios