Francisco 'Kiko' Costa, concelleiro de Medio Ambiente e Deportes e candidato do PSdeG de Vilaboa

"A xente en Vilaboa votaba a Luis Poceiro; O que pasará comigo? Non o sei"

Moitos se fixaron en Kiko Costa cando se asentou en San Adrián en 2005, pero "só Luis conseguiu convencerme" para saltar á política. Este candidato é moi atípico: produtor de TVE, ex-campión de España de remo en trainerilla, pioneiro na loita contra as velutinas e na compostaxe, pensa que o saneamento e o abastecemento serán os retos do vindeiro mandato

Francisco Costa, nunha imaxe tomada no muelle de San Adrián. DP
photo_camera Francisco Costa, nunha imaxe tomada no muelle de San Adrián. DP

Como valora o resultado do 28A en Vilaboa? Pensa que poden extrapolarse?
Foi unha das ocasións nas que o PSdeG superou o PP, algo que no contexto das nacionais non adoita pasar, porque o electorado de Vilaboa soe ser de dereitas nesa cita electoral. Pero non se pode extrapolar. Nalgunha ocasión, iso puido influír positivamente á hora de conseguir un escano máis, pero non sempre. O que sei é que ata agora, a xente de Vilaboa votaba a Luis Poceiro. O que pasará comigo nestas eleccións? Non o sei.

O actual alcalde retírase e vostede pasa de concelleiro de Medio Ambiente a candidato. Os rivais ven este momento como unha oportunidade?
Sempre se ve o relevo como unha oportunidade. Ten lóxica que pensen que pode producirse un cambio e que sería máis doado agora.

"Coas miñas áreas estou satisfeito. A cidadanía aceptou a compostaxe e melloraron nun 100% os datos da reciclaxe"

Foi un mandato trabado, con moito protagonismo do urbanismo e o PXOM. Como o valora?
Foi un mandato correcto. Os últimos oito anos todos os concellos vivimos a crise. Os concellos pequenos vimos que nos comezaban a transferir competencias con cero fondos. Hai que pensar en que este concello non se endebedou nada nestes últimos anos, e aínda que non se lograran proxectos faraónicos, máis alá de manter o día a día do Concello, iso é todo un mérito, porque temos poucos recursos e administrámolos moi ben para sacar adiante todo o que Vilaboa ofrece: unha oferta cultural moi boa e ampla, uns servizos sociais exemplares en canto a integración, maiores e colectivos vulnerables. En canto ás miñas áreas, estou moi contento. Houbo temas como o da velutina no que fomos pioneiros e chegamos a dar charlas e formación aos demais para atopar como loitar contra ela. O tema da compostaxe foi un logro. Imos por diante de todos os demais no Revitaliza. Temos máis de 40.000 euros de aforro. Estamos tratando de cambiar o método...

Pensa que a cidadanía valora todo este xiro na política de residuos?
A cidadanía é reacia aos cambios, pero hai que ver a grande cantidade de familias que aceptaron ter composteiro, e despois das charlas melloraron no 100% os datos da reciclaxe. Pasamos de 35 toneladas de plástico, a 70; en cartón, de 50 a 100 toneladas. Duplicamos os resultados e iso quere dicir que estamos facéndoo ben. Hai un voluntariado ambiental, hai traballo para preservar espazos naturais, para mellorar outros. Sempre hai cousas que mellorar, pero estou contento. E en canto ao concello en xeral, vendo a loita do alcalde Luis Poceiro polo PXOM, temos motivos de alivio.

Como valora a aprobación?
Como o que é: un punto de partida moi bo. Hai que empezar a traballar con este plan provisional, e niso temos que estar todos. O que entre de alcalde ou de alcaldesa, sexa quen sexa, atopará un punto de saída do que traballar para legalizar os núcleos que por mor da auga, da Lei de Costas ou de outros motivos quedaron sen legalizar. E hai un concello sen débeda que pode moverse por ter un núcleo urbano, un polígono, ou outra serie de proxectos que se vían freados.

"Valoro a aprobación do PXOM como o que é: un punto de partida. Hai que empezar a traballar con el e niso temos que estar todos"

A oposición pode dicir que o proxecto de Acuaes non está aínda financiado de todo...
Claro. Pero iso non se considera débeda e estase pagando en prazo.Era e é impensable que Vilaboa avance sen auga. Os dous proxectos que están a punto de licitarse son de distribución de abastecemento, precisamente desde os dous depósitos. Eu creo que as comunidades de usuarios poden xestionar perfectamente a auga e iso vai funcionar no rural e nos núcleos pequenos. Son partidario ata de dar axudas para que as comunidades legalicen as augas. Pero non teremos núcleo, polígono nin nada sen a auga municipal. E outra meta sería o saneamento.

Casualmente, sobre o saneamento fálase moito en redes sociais nesta campaña. Hai multas por verquidos? Ten que ver coa súa área?
Algunha sanción chegou, como chegou ao 90% dos concellos. Cada vez que fallan as redes de sumidoiros, corremos ese risco. Temos a vantaxe de ter preto do 95% do territorio con saneamento. Pero as redes son antigas. Os canos son de fibrocemento e rompen e os bombeos atáscanse. Esta non é a miña área directa, -aínda que está claro que todo se magnifica desde que son candidato- pero isto é unha prioridade para o Goberno e para min. Hai que redimensionar e reforzar redes, hai que pasar a pozos de bombeo automatizados, e hai que abordar a educación da veciñanza. Temos atascos de bombas por toallitas, como en todas as cidades. Poderiamos gastar un millón de euros nunha EDAR nova. Atascarase igual. Eu sempre digo: a xente pensa que o váter é unha caixa máxica que o fai desaparecer todo, pero non é así. Cada vez que se rompe un bombeo por mor das toallitas cson 1.800 euros de gasto. Isto é cuestión de conciencia.

Como ve a idea de Poceiro de volver ao seu posto en Vulcano tras ser alcalde?
Voltará ao seu posto e quédalle un ano para xubilarse. En canto o faga, penso que gozará dos netos. Luis Poceiro é único. Cando cheguei a Vilaboa oín ofertas de moitos, pero Luis, co seu carisma foi o único que me convenceu.

Quedan moitas cousas para o seguinte mandato: subestación, A57, vía verde... Cal é a que máis lle preocupa?
O enlace coa A-57 é o que máis. Non o aceptamos e imos loitar por cambialo como sexa.

Comentarios