A Lama destinará 180.000 € do Plan Concellos a ampliar o Consistorio

O edificio municipal, que data do ano 1924, "medrará" cara a Alameda, contará cun novo ascensor e deixará de ter filtracións
O alcalde, na zona onde se realizará a ampliación. CEDIDA / D.P.
photo_camera O alcalde, na zona onde se realizará a ampliación. CEDIDA / D.P.

O Concello da Lama afrontará estes días as obras de acondicionamento e ampliación do Consistorio cun investimento de 180.000 euros procedentes dos fondos do Plan Concellos da Deputación provincial correspondentes ao ano 2020.

A intención do proxecto é a de dotar de maior superficie de atención á veciñanza o Concello, ao tempo que se mellora a accesibilidade ao edificio coa instalación dun ascensor. Outro dos obxectivos é corrixir os graves problemas de humidade que presentan na actualidade o Salón de Plenos e varias dependencias municipais.

As obras teñen un prazo máximo de execución de tres meses e durante este periodo a empresa adxudicataria dos traballos ampliarán o edificio cara a zona da Alameda.

A construción orixinaria é un edificio compacto de granito dividido en baixo e unha pranta que data de 1924 e que se ampliará de xeito respetuoso, pero, sostén o Concello, "buscando un deseño moderno e funcional que permita ter unha maior superficie para atender as demandas da veciñanza nos distintos departamentos municipais".

Do mesmo xeito, aproveitarase esta fase constructiva para instalar un ascensor que permita a persoas con problemas de mobilidade poder subir ata a planta superior e realizar calquera xestión ou mesmo asistir aos plenos municipais sen barreiras arquitectónicas. Ata o momento, no edificio só se pode acceder á pranta alta mediante unha escaleira que preside o centro da pranta de acceso.

MÁIS AMPLOS. Ademais, as obras permitirán mellorar a zona dos aseos que precisan dunha modernización e actualización en canto a dimensións, accesibilidade e funcionamento.

Tamén se aproveitarán os traballos para resolver problemas de humidades que presenta o Salón de Pleno e varias dependencias municipais onde as filtracións das augas pluviais, co paso do tempo se converteron nunha ameaza para a saúde.

Segundo explicou o alcalde, Jorge Canda, "tentamos adaptar este edificio emblemático ás necesidades da veciñanza mellorando os servizos, a atención ao público, a accesibilidade e corrixindo graves problemas que tiñamos no Consistorio, a casa de todos os veciños do municipio".

O rexedor destacou a importancia do investimento, que permitirá "darlle unha ampliación para gañar espazo e sobre todo permitir unha mellor accesibilidade ás persoas con problemas de mobilidade ao instalar un ascensor que permitirá que a xente poida acceder a calquera parte do Consistorio sen dificultade. Ata agora dispoñemos dunhas magníficas e belas escaleiras, pero pouco funcionais para a xente maior con problemas de mobilidade", engadiu.

Comentarios