A Lama | A incógnita tras a marcha de Canda

Un alcalde que se vai e un parque eólico sobre unha das parroquias máis céntricas motivaron que en este concello haxa cinco candidaturas para nove escanos e un ambiente de incógnita electoral que non se lembraba en décadas
Exterior del Consistorio de A Lama. D. P.
photo_camera Exterior del Consistorio de A Lama. D. P.

David Carrera (PP): "O noso obxectivo será crear dinamismo económico"

David Carrera

Como viviu a súa inmersión na política este mandato?
Tocoume estar axudando durante a pandemia. Penso que me adiquei a axudar aqueles 24 meses no necesario en todo o territorio, que non é pequeno, por certo. Á vez que iamos visitando as familias pulsamos as necesidades dos distintos lugares. Foi unha época complexa. Houbo moitas cousas que non se puideron facer, pero logrouse facer o viveiro de empresas para dar empuxe á industria, e tamén actuacións para promover os espazos comúns e poñer os contornos máis bonitos e humanizados. Incluso se logrou instaurar o Plan Madruga no colexio da Lama. É importante porque a xente ten que madrugar para ir traballar.

Jorge Canda decidiu dar un paso a un lado: para vostede é un reto substituílo ou unha facilidade?
Eu sempre digo que non me vou comparar con el. Eu teño unhas ideas, un equipo de xente que quere traballar por A Lama e que colabora co PP. As ideas que temos son novidosas. A Canda pedímoslle que quedase cerca e sumase a súa experiencia. Despois nós coas nosas ideas darémoslle un aire novo. Jorge afianzou moitas cousas desde a experiencia e nós agora pola idade temos que poñer sobre a mesa novidades e ideas frescas. O PP confía en min e acordouse que el nos acompañase para achegar o graniño de area.

É unha transición, non vai cumprir o mandato?
É unha achega a nivel experiencia. E en breve, non sei canto será esa brevidade, pero seguro que non se alonga demasiado, el igual se retira definitivamente para poder ocuparse ben de temas persoais que así o aconsellan.

Vostede é máis de mitins ou de porta a porta?
Os mitins están ben, pero pódense converter nun monólogo. E os monólogos acaban aburrindo. Nós queremos facer partícipes aos veciños e veciñas, e escoitar, aproveitar o porta a porta para ser receptivos cos detalles e necesidades que fan falla en todos os lugares. O obxectivo do noso programa é crear dinamismo económico: infraestruturas. Temos a idea de facer un espazo para pequenas e medianas iniciativas de comercio. Isto axudará a dar vida, a crear actividade empresarial na zona. Despois seguiremos estudando a posibilidade de construír unha escola infantil, aínda que xa temos unha casa niño. Queremos facilitar o incremento da poboación e que se a xente dos arredores ten os nenos neste colexio que é modélico na provincia, que poidan deixar tamén aos cativos. E tamén queremos facer charlas formativas de augas e de comunidades enerxéticas. Nisto último xa temos avanzado para facer unha a nivel Concello que favorecerá a todos os veciños na súa factura da luz nuns dous quilómetros. Ademais imos implantar un bono transporte para os maiores e axudas para vivenda.

A xente está revolta polos eólicos ou rexéitano polas eleccións?
Aquí o que molesta é un parque. As promotoras diríxense ao propietario das parcelas, ás comunidades de montes e despois xéranse os distintos informes sectoriais. Aquí o único que quixemos é que todos os veciños saíran beneficiadas. Aquí houbo promotoras que tiveron reunións semanais. E os comuneiros eran os que tiñan a última palabra. O descontento é polo parque que afecta a Antas, de onde son eu, precisamente. Afecta a dúas comunidades de montes. Só podemos axudar aos veciños pero é difícil dar unha solución que non prexudique a ninguén.

Pero deron informes a favor?
Demos informes como os de calquera permiso de obras, non son vinculantes, e aquí non se deu licenza ningunha, que eu saiba. A xente na Lama sabe o que son os eólicos, xa hai algúns...

Veo como un asunto político?
Non hai dúbida de que a algúns lles molesta, a outros, tal vez queiran facer un pouco de ruído.

Que lle reprocharía á oposición? Que non estiveron. Só Ciudadanos. E despois, cara estes novos, o uso do insulto e a falta de respecto. Somos cinco partidos e non se lembra algo así desde hai 25 anos, e é un rebumbio que teño que asumir.


Iñaki Touriño (PSdeG): "Eu, como veciño, vexo ao Concello da Lama peor ca nunca"

Iñaki Touriño

Como está sendo a campaña?
Pois non sabía que as campañas eran algo tan duro. Mire, de 13 que imos na lista, dez somos novos e o traballo é moi intenso: mitins, porta a porta, todo o facemos nós. Traballamos arreo, pero estamos tendo moi boa acollida.

A Lama enteira sorprendeuse ao atoparse con cinco candidaturas. Cre que afecta a decisión de Jorge Canda de non liderar a lista?
Hai dous motivos, desde o meu punto de vista. Primeiro, esa decisión de Jorge Canda, que pode estar detrás do nacemento de Ucin, por exemplo. Despois, o parque eólico Monte Peón e o rexeitamento que xenera que orixinou Iniciativa polo Rural. Pero é bo que sexamos moitas listas e haxa inquietude.

E como pensa que acolle o electorado que Canda, malia todo, vaia nun posto tan visible?
Canda aparece na lista e en campaña porque o PP pode perder. Está traballando moito na campaña, case a fai el máis ca David Carrera, porque o ten difícil.

Que avaliación fai da situación do seu concello?
Eu, como veciño, vexo A Lama peor ca nunca. Hai máis por facer agora que en 2019. A xente moza só nos di que non hai nada, que sen oportunidades ten que irse. Non hai xestión nin transparencia. Faise todo de costas á xente. E falta axilidade. Un goberno no que todo falta, no que se está por estar é un goberno anestesiado, durmido, sen proxecto. O proxecto do PP é vivir ao día.

E o seu revulsivo, cal sería?
Apostar polo polígono industrial para xerar emprego e actividade comercial, traballar pola vivenda e os servizos e loitar contra o abandono. Despois, explorar a nosa natureza, coidala e mantela para poder convertir o turismo rural e de actividades na nosa gran fonte de recursos.

Como se actuou cos eólicos?
Mal. A Lama só sae en prensa por falta de transparencia, polo cárcere e por temas lamentables e este é un deles. Deron informes favorables de costas ós veciños, pensando que a xente non se entera. Podían tomar nota e facer como os concellos veciños de Cerdedo- Cotobade ou Ponte Caldelas.

Que faría se entrase no Goberno?
Despois de 28 anos de escurantismo, auditar todo. Coñecer o que hai para poder comezar a actuar.


Andrea Cordeiro (Iniciativa polo Rural A Lama): "O parque eólico Monte Peón rompeume o corazón"

Andrea Cordeiro

Cantos anos ten e por que quixo entrar en política?
Teño 27 anos e tiña un proxecto de vida na Lama. Tiña unha casa restaurada, outra comprada e quería adicarme ao turismo rural. Entón irrompeu o parque eólico Monte Peón e rompeume o corazón. Todo o meu plan de vida vese afectado polos eólicos. Eu e moita xente da Lama estabamos en contra e vimos que non nos escoitaba ninguén así que decidimos ser candidatura.

E fixérona dun día para outro?
Case. Foi moi rápido. Hai quen che di que non é capaz de sacar unha lista: se tes ganas ou un problema serio, podes. Nós puidemos. Temos recursos cero, pero con 24 horas puidemos facer un programa atractivo. Igual non é de deseño, pero é realista: somos de aquí, fun ao colexio aquí, ando por estes camiños, escoito á xente. Temos un contido moi axustado ás necesidades e somos capaces de facer ver o que pasa: a xente nova non queda na Lama. Da miña idade xa non hai ninguén... A Lama ten que ser algo máis ca un polígono eólico.

Que quere Iniciativa polo Rural?
Todo o que necesitamos no rural para estar á altura das urbes. Teriamos que ter un centro de saúde, un pediatra, menos zonas deterioradas, menos edificios sen mantemento, e atallar o despoboamento e o envellecemento, que son brutais. Queremos transportes para maiores, facilitar a teleasistencia, ofrecer medidas para responder a esta problemática.

E por que falta todo iso?
Porque cando levas 28 anos facendo o mesmo, xa non te decatas de que non é suficiente.


Carlos Ribeiro (Ucin): "A Lama está somerxida na pobreza, abocada a desaparecer"

Carlos Ribeiro, candidato de Ucin en A Lama. DP

Vostede foi concelleiro co PP, que o animou a dar o paso e ser candidato á Alcaldía con Ucin?
A situación lamentable na que está A Lama, visible para calquera que resida aquí. É un concello somerxido na pobreza, sendo o terceiro máis pobre de Galicia; sen oportunidades e cunha gran falta de servizos primarios para o pobo. En síntese, un concello abocado á desaparición, pese a ter un gran potencial.

Como valora este mandato? Definiríao como nefasto. A falta de transparencia e a inexistente interacción co conxunto dos lamenses á hora da toma de decisións fan que o noso concello se derrube pouco a pouco. O pobo é o que sabe que necesita de primeira man e un bo gobernante ten que falar con todos.

Pensa que o relevo de Jorge Canda ou o conflito eólico poden mover ao PP da maioría?
Creo que a marcha de Jorge Canda como cabeza de lista do PP e a instalación dun parque eólico no Monte Peón vanlle pasar factura. A falta de comunicación e claridade na colocación de aeroxeradores, sen esquecer as irregularidades denunciadas no concurso de oposición para a biblioteca municipal, serviron para abrirlles os ollos a moitos veciños e veciñas.

Que ten de especial o seu programa?
O meu programa é especial porque é "o noso programa". Foi creado entre 13 veciñas e veciños que conformamos Ucin. Realizamos unha análise real do que está a suceder no noso concello e as principais necesidades que ten a A Lama buscando solucións. Trátase dunha proposta comprometedora a cumprir e pensada para todas e todos.

Que lle critica ao Goberno? A falta de transparencia, a toma de decisións sen consulta, o establecer prioridades inadecuadas e o acomodamento no seu cargo.


Antonio Barreiro (BNG): "É como se o PP tivese o voto cautivo e lle dese todo igual"

Antonio Barreiro, candidato do BNG en A Lama. DP

Que sensacións lle transmite a campaña?
Boas. Notamos un ambiente de ganas de cambio e sabemos que tamén depende de nós.

Cantas papeletas fan falla para obter un escano?
Depende da participación e doutros factores, pero en torno aos 110 votos xa son suficientes para un concelleiro. Este ano, ao ser cinco partidos, perderanse votos no resto, e mesmo se lle facilitaría a maioría absoluta ao partido máis votado.

Vostedes, de que lle falan aos seus posibles votantes?
Falamos de loitar contra ameazas como o eólico Monte Peón, ou a Mina Alberta, un macroproxecto de mina de coltán e litio fragmentado que segue os pasos dos eólicos e que pode ser devastador para o río Verdugo polos vertidos que xenera. Nós defendemos esa loita e a boa xestión para saír do abandono no que está Lama.

Por que cre que medrou tanto o rexeitamento aos eólicos?
Por desinformación. O Concello asinou informes favorables e non informou aos veciños. Pasaron os prazos de alegación e ninguén soubo nada, de xeito que todo avanzou e agora é moi difícil dar marcha atrás. Só se pode alegar defecto de forma, que é no que están agora os afectados. Hai que entender que aquí na Lama xa hai parques eólicos, un máis non lle estrañaba a ninguén, pero cando se soubo que os aeroxeneradores son de 150 metros, e onde se sitúan...

Que cre que hai que cambiar?
Pois iso. Cambiar a xestión escurantista, como esta, e a corrupción que se deu e se descobreu coa oposición para a Biblioteca e que ata lle pasa factura ao PP en Ponte Caldelas e que nós imos levar ao Parlamento.

Que erro cre que non se debe perdoar deste mandato?
Os ditos, e a desidia. O Goberno é como se tivesen o voto cautivo e lles dese todo igual.