A comarca de Pontevedra segue inmersa no proceso de información pública de varios proxectos eólicos, e dentro dos mesmos procedementos estase a reavivar o rexeitamento veciñal. Proba do mesmo é a decisión adoptada este sábado pola asemblea da Comunidade de Montes de Baltar, en Ponte Caldelas, que decidiu rexeitar toda proposta relativa ao Parque Eólico Serra da Fracha, promovido por Eólica Santa Teresa S.L. Sociedad pertencente ao grupo pontecaldelano Enermol.
A presidenta da Comunidade de Montes, Marisol Boullosa, reuniuse co alcalde, Andrés Díaz, para comunicarlle a decisión dos veciños e a importancia de contar con apoios nesta oposición. O alcalde, que xa puxo semanas atrás a disposición de toda a veciñanza afectada os modelos de alegación contra este parque, que proxecta a instalación de dous grandes aeroxeneradores na zona próxima á Reigosa, amosou non só o apoio, senón a disposición a compartir o traballo para ir á vía xudicial contra a aprobación deste plan, polo seu profundo impacto nunha zona que ademais de valores naturais ten alta densidade de poboación e actividade económica.

"O Concello de Ponte Caldelas ten xa elaborado o informe desfavorable da técnica de Medio Ambiente e estase a elaborar tamén o informe desfavorable do técnico municipal de Urbanismo. Ambos informes son imprescindibles para acudir a un proceso xudicial no caso de que a Xunta autorice o parque", afirma Díaz, que engade que "no caso do parque eólico Serra da Fracha hai unha clara afección sobre os recursos hídricos, perda do valor dos terreos, afeccións á saúde, afeccións graves á flora, fauna, biodiversidade e paisaxe, perdas para as economías familias e reducción do turismo, ataque ó patrimonio arqueolóxico, arquitectónico, cultural e inmaterial".
"Estase a elaborar tamén o informe desfavorable do técnico municipal de Urbanism0" contra o parque A Fracha
No caso de Cerdedo-Cotobade é o BNG o que non se despista das datas do proceso de información do proxecto do Parque Eólico Ampliación Penizas que afecta á parroquia de Tomonde, en Cerdedo-Cotobade, e Liripio, Castrelo, Quintillán pertencentes a Forcarei e A Estrada. O BNG aclara que Greenalia Wind Power As Penizas SLU é a promotora e quere instalar unha potencia de 10 MW implantando dous xeradores de 175 metros de altura, segundo o anuncio aparecido no DOG do pasado venres 17 de marzo.
"O proxecto súmase aos xa en tramitación de A Rula, Tramontana, Siroco, Pedra Longa e Cabanelas ademais da aprobación, recibida ‘in extremis’ pola Xunta a pasada semana, para a construción dos parques Os Cotos, Porto Vidros, Campo das Rosas, Monte Festeiros, As Penizas e Touriñán III-2", alerta o BNG que chama ao PP local a presentar resistencia a esta "invasión".
En A Lama, pola súa banda, despois de botar contas e descubrir que a suma dos proxectos existentes arroxará máis de cen novos muíños ao seu territorio que quedará afectado en máis do 30% polas poligonais eólicas, as plataformas veciñais, entre elas a que se opón ao parque Monte Peón, proxectan máis protestas e actos colectivos esta fin de semana, ao considerarse "obxectivo eólico".