A Lama ultima os preparativos para gozar, este domingo, da Festa do Codillo

O prezo do menú será de 12 euros e a preparación, estofada. Poden retirarse os tíckets de xeito anticipado ou ben o domingo, na festa
David Carrera e Jorge Canda presentando o evento. DP
photo_camera David Carrera e Jorge Canda presentando o evento. DP

O Concello da Lama reactiva todos os preparativos para celebrar este domingo 11 de xuño a XXI Festa do Codillo.

Tal e como apunta o Goberno local, aquelas persoas que estean interesadas en participar no xantar poderán adquirir anticipadamente os tíckets a 12 euros nas oficinas municipais en horario de atención ao público ata o 8 de xuño. Despois poderán ser mercados no mesmo día no lugar da festa, é dicir, na Alameda da Lama.

A apertura da caseta de servizo de racións do codillo será ás 13.30 horas co fin de axilizar ao máximo a súa repartición e evitar aglomeracións innecesarias. Manterase aberto ata esgotar existencias e servirase ata as 15.00 horas.

O Concello lembra que debido ao aumento do IPC e do custe da vida, a organización veuse na obriga de volver situar en 12 euros o prezo definitivo do menú desta festa gastronómica que inclúe pan, bebida, cubertos e un prato de barro conmemorativo do evento que os comensais poderán levar como recordo.

Ademais da actividade meramente gastronómica, a XXI Festa do Codillo estará amenizada musicalmente falando pola Banda de Gaitas Os Catro Ventos e a Charanga Os Encerellados. Pola tarde, a Banda Música Municipal da Lama ofrecerá un concerto, a partir das 20 horas, na propia Alameda.

Ademais haberá diversos postos que ofrecerán outras opcións gastronómicas como o polbo ou churrasco así como postres caseiros. Ademais haberá varios postos relacionados con produtores artesanais que poñerán á venda os seus produtos.

A Festa do Codillo adoitaba celebrarse en maio ou na primeira semana de xuño, pero este ano tivo que adiarse pola imposibilidade do cátering de contar coas condicións para ofrecer a cantidade estimada de racións e a coincidencia, entre outras, coa data das eleccións municipais e a da celebración da Festa do Cristo de Xende.

Comentarios