Un lamés denuncia a morte de dúas vacas a balazos

Efectivos do posto de Rivadavia acudiron á parroquia de Couso, en cuxos montes apareceron, sen crotal nin identificadores, as reses

Unha das vacas que apareceron con tiros de bala en Avión. DP
photo_camera Unha das vacas que apareceron con tiros de bala en Avión. DP

Un veciño de A Lama que ten unha explotación de gando no Seixido denunciou ante a Garda Civil a morte a tiros de dúas das súas reses en montes de Avión, dentro na provincia de Ourense.

Efectivos do posto de Rivadavia acudiron á parroquia de Couso, en cuxos montes apareceron, sen crotal nin identificadores, as dúas vacas falecidas con feridas de bala, que tiñan claro orificio de entrada e de saída.

O gandeiro damnificado é Manuel López Alfaya e adícase á cría de gando vacún para carne.

Os animais, uns 50, están nun recinto de monte en Seixido, pero algúns deles escaparon do peche. Trátase, indicou "dunhas quince vacas e ningunha apareceu". Nas tarefas de busca por todo o monte Suído e con axuda doutros gandeiros, foi dar con dúas reses en Avión, aínda que apareceron mortas.

Manuel denunciou "porque outros compañeiros gandeiros da zona de Ourense tamén están a buscar vacas que lle faltan e sospeitamos que pasou o mesmo". O afectado pídelle á Garda Civil que investigue, sobre todo, porque os animais tiñan crotal e podía responsabilizarse deles "aínda que as mataron en monte aberto, antes de que fixeran mal nos cultivos".

Comentarios