Licitada a reforma da escola de Música de Tenorio con 189.000 euros de investimento

A renovación foi adxudicada á empresa Eicros Gestión, que ofertou melloras por un importe de case 30.000 euros
Escola de Música de Tenorio. DP
photo_camera Escola de Música de Tenorio. DP

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de adxudicar por importe total de 158.861 euros as obras de adecuación interior da Escola de Música de Tenorio. A edificación contará, ademais, con investimentos a maiores por importe de casi 30.000 euros ofrecidos pola empresa Eicros Gestión, S.L. gañadora do procedemento aberto no que participaron un total de cinco licitadores. En definitiva, investiranse nas instalacións da Escola de Música de Tenorio uns 189.000 euros.

O Concello indica que, se ben as instalacións actuais están moi limitadas, o inmoble renovado permitirá un uso pleno para a formación e ensaios, así como para outros fins sociais e culturais.

As melloras ofrecidas pola adxudicataria permitirán dotar o edificio de panelado de roble e tabicado de pladur, trasdosado autoportante, cambio do escenario, unha mellor iluminación do salón de actos, e a rotulación da escola e do salón de actos. Ademais instalarán fotomurais personalizados, zócalos de protección nas aulas e paneis acústicos no salón de actos e aulas. Por último, adecuarán unha sala do Concello de Cerdedo-Cotobade debaixo do escenario, pintarán o salón de actos e zonas anexas e colocarán unha canaleta e impermeabilización da medianeira. No exterior, ademais, instalarán unha xardiñeira.

O alcalde, Jorge Cubela, amosou a súa satisfacción polo nivel competitivo amosado polas cinco empresas que concurriron ao concurso o que permitirá acondicionar o interior deste local social con elementos que, ademais de modernizala, van mellorar a súa operatividade e funcionalidade de cara aos usuarios e usuarias, "logrando así poñer a disposición dos veciños e dos usuarios da Escola de Música unha infraestrutura sociocultural de grande importancia para a parroquia de Tenorio ao tempo que seguimos fomentando con garantías a educación musical como un dos elementos fundamentais que identifican aos veciños e veciñas desta parroquia", sinalou o rexedor.

Comentarios