Lina Garrido conta co apoio de Regades e Caballero na súa presentación

A candidata destacou o seu compromiso "ao cen por cen" coa política municipal

Desembarco de socialistas en Carballedo co gallo da presentación de Lina Garrido como candidata do PSdeG para alcaldesa do concello fusionado. Garrido elixiu o baixo do Concello, no salón multiusos para un evento de presentación no que non faltaron o secretario xeral provincial, David Regades, nin o autonómico, Gonzalo Caballero, así como a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva.

Garrido contou además con destacados alcaldes, concelleiros históricos e persoas vinculadas ao partido socialista de toda a provincia para unha data na que, como corresponde ao anticipo da precampaña, se están facendo demostracións de apoio ás distintas formacións municipais. A voceira da oposición quixo agradecer o apoio dos seus compañeiros e compañeiras e destacou "o meu gusto pola política municipal, que todo o mundo neste concello coñece e que fai que, unha vez que me escolleu a executiva local, teña o obxectivo de entregarme ao cen por cen a esta causa".

A candidata suma oito anos como voceira socialista e xa foi tenente de alcalde na etapa do bipartito en Cotobade

ÚNICA MULLER. Lina Garrido, que foi tenente de alcalde na etapa anterior como nacionalista, e que suma xa oito anos de traballo nas filas do PSdeG, destacou que "será unha honra e un orgullo ser a única candidata muller que encabece unha lista en Cerdedo-Cotobade" e destacou a importancia que a súa formación "lle dá e lle dará á igualdade" nesta etapa.

A xa candidata, recibiu as loubanzas de David Regades e as felicitacións de Gonzalo Caballero, que a animaron a conseguir dar oa volta aos marcadores nas vindeiras eleccións de maio.

A candidata desvelou que quere contar cun equipo equilibrado, pero a lista dos socialistas non está, nin moito menos, pechada "posto que agora somos un concello fusionado, estamos nunha nova etapa e temos moi claro que a nosa representatividade ten que reflexar esa circunstancia, de xeito que estamos traballando con todas as parroquias de Cerdedo e Cotobade".

Comentarios