Miércoles. 22.05.2019 |
El tiempo
Miércoles. 22.05.2019
El tiempo

LINA GARRIDO, PSOE DE CERDEDO-COTOBADE

"Temos programa, ideas e gañas de solventar as eivas deste Concello novo"

A voceira dos socialistas de Cerdedo-Cotobade e candidata. DP
A voceira dos socialistas de Cerdedo-Cotobade e candidata. DP

A candidata socialista enarbolou o 'Non á fusión', pero tamén defendeu outras causas, como a loita polos maiores da vila fusionada

Estamos nun periodo de apenas un mes entre dúas eleccións. No caso de Cerdedo-Cotobade, como valora o sucedido o 28-A?
Eu quería que gañara a esquerda no contexto estatal e gañou, por iso estou contenta. E no noso concello, o PSOE gañou en cinco mesas e, se sumamos os votos da esquerda, superan con creces aos do PP. No lado negativo preocúpame que Vox tivera votos, pero valoro positivamente a aposta de Cerdedo-Cotobade por un Goberno de esquerdas. Temos a vía aberta para poder levar peticións a Fomento, co problema que temos coa N-541. Agora, iso si, non son extrapolables para nada.

Vostedes chegan ás eleccións despois de ser abandeirados do Non á fusión, pero esa non foi unha postura unánime. Hai máis discurso nesta campaña do PSOE?
Haino. Nós dixemos que non á forma, á maneira de facer a fusión. A escondidas, con opacidade, sen transparencia, sen poder votala os veciños e veciñas, porque non ía no programa electoral do PP... A fusión non tiña estudos de viabilidade, e agora, hoxe, temos problemas como distintas taxas por territorios, distintos servizos e un longo etcétera. Pero a fusión xa está. Xa foi. Hai máis cousas, máis necesidades. Que nadie pense que en tres anos xa está todo logrado. Que temos conseguido? Restaurar casas do pobo en moitas parroquias? Pois moi ben. Todo o que se fixo, fíxose cumprindo a obriga de Goberno e daquel que goberna. E nós temos programa, obxectivos, ideas e gañas de solventar as eivas deste Concello novo. A fusión non foi quen de solventar a sangría demográfica. Non saímos da situación de despoboamento. Perdemos poboación: en 2017, 6.121 habitantes, en 2018, 5815. Temos máis de 320 habitantes menos...

É dicir que mesmo ao mando do concello fusionado vostede tería feito outras cousas?
Home, claro. Porque, que se fixo para crear emprego? E que se fixo para asentar á poboación? Co orzamento do fondo de fusións arranxamos casas do pobo e tivemos política do alumeado e do asfaltado. Os proxectos ambiciosos están prometidos, pero non foron levados a cabo.

Cerdedo foi o lugar do primeiro acto da candidatura completa dos socialistas.
Si, e foi un éxito. A presentación como candidata foi en Carballedo e Cerdedo tiña que ser o sitio para presentar o equipo de homes e mulleres que me acompañan. Era de obrigado cumprimento e foi un acto moi bonito.

Vostede é orixinaria de Cotobade, casualmente, como os seus outros contrincantes. Séntese cómoda alí?
Pois moito, porque eu son da Corredoira, que é unha parroquia moi próxima a Cerdedo e sempre fixemos tamén vida alí. Precisábamos ir á farmacia? Ibamos case tanto a Cerdedo como a Carballedo. Ao súper? igual. Á piscina cos meus fillos no verán? A Cerdedo, que está a cinco minutos. Desde ben cativa compartín este territorio así que coñezo a moita xente e tiven relación toda a vida.

En certo modo pode dicir que se estrea a pesar de ser a máis veterana do Concello?
Eu comecei en política moi nova, e todos saben que son unha apaixoada disto. Para min unha pequena satisfacción é calquera cousa, ata unha chamada como a que acabo de ter dunha veciña de Traslamós que despois de dous anos e de varios escritos, por fin conta con unha farola que ilumine preto da súa casa. Son cousas que só o que está nisto entende: lograr que o que debía ser xa de oficio se consiga, a pesar de todo. Pero esta é unha estrea para todos. Porque aos outros candidatos no territorio de Cerdedo tamén os coñecían de oídas. Outra cousa é xa o feito de que eu non estou como o líder do PP e alcalde, todo o día alí. Teño unha vida: uns fillos, un traballo que atender. A política non se fai sen tempo e resta tempo de todo o demais. Ten que gustarche para poder asumir esa responsabilidade a maiores.

E en canto á lista de cousas pendentes deste municipio fusionado. Cal é a prioritaria?
Moitas prioridades. Preocúpanme moito os nosos maiores. Temos unha poboación avellentada. Un centro de día é necesario, actividades nas parroquias para eles. A veces os nosos maiores non teñen con quen falar preto de casa. Eu sempre traballei cando era tenente de alcalde para dinamizar as parroquias. É fundamental. E necesitamos unha unidade terapéutica para asesorar ás familias que teñen que facerlle fronte ás demencias e Alzhéimer. Tampouco temos unha ambulancia no PAC de Cerdedo... Os nosos maiores do centro de día comen unha comida envasada en vez de fresca cando hai cociña alí. Temos parte do Concello que carece dunha liña de bus a este centro. Vimos de perder servizo de Pediatría en Carballedo e Cerdedo, cando noutros concellos se partiron o peito por ese mesmo servizo... E tamén está a industria. Non queremos un polígono en Monte Mocín, agora que se perdeu o de Salgueirós. O lóxico é que sexa en Tenorio, preto da circunvalación e do do Campiño.

"Temos programa, ideas e gañas de solventar as eivas deste Concello...
Comentarios