Liña vermella do BNG de Poio coa sanidade: leva a queixa á Valedora do Pobo

A baixa non cuberta dunha doutora está provocando listas de espera de 20 días para os casos non urxentes 
María Dolores Fernández Galiño, actual Valedora do Pobo. ADP
photo_camera María Dolores Fernández Galiño, actual Valedora do Pobo. ADP

Aínda que os nacionalistas de Poio consideraron que a presión da pandemia facía que a situación da sanidade no municipio e as necesidades de mellora do sistema de Atención Primaria puidesen esperar un mínimo tempo a que se calmara a situación, o recente empeoramento detectado polos usuarios e tamén polos responsables do partido fixo que os nacionalistas decidiran acabar co periodo de cadencia de inmediato e retomar a loita para que a Xunta tome medidas inmediatas coa situación no municipio.

O detonante, como en outros concellos da comarca, é a baixa dunha profesional que atende un amplo cupo de pacientes tanto neste centro como no de Combarro. Esta ausencia non foi cuberta polo Sergas e a situación motivou un colapso no sistema sanitario que ten en actualidade a pacientes con 20 días de lista de agarda para seren atendidos de doenzas non urxentes. "Esta facultativa xa cubría os cupos de dous médicos no canto do seu, de xeito que cubría un posto en Combarro polas mañás e en Anafáns polas tardes", indican fontes nacionalistas, que sinalan que "agora que está de baixa, os pacientes teñen 20 días de lista de agarda", mentras que os casos urxentes "son derivados ao PAC da Parda". 

Deste xeito, e "depois de 30 chamadas ao centro, nalgúns casos", os pacientes están recibindo vez para pequenas doenzas para a segunda ou terceira semana de decembro, algo que pon de relevo, segundo o BNG, a situación de precariedade que existe en todo o sistema de Atención Primaria no municipio. Despois de reiteradas queixas, reclamacións e mesmo de seis mocións sobre o centro de Anafáns e os consultorios periféricos presentadas ao Pleno en Poio, o BNG aposta por dar un paso máis e poñer toda a situación en coñecemento da oficina da Valedora do Pobo.

No escrito presentado ponse de relevo a situación xa de por si complicada neste concello pola existencia de cupos sobrecargados e polas limitacións funcionais do centro de Anafáns, en actualidade desproporcionado para as necesidades deste concello, que supera os 17.000 habitantes. O texto sinala tamén a situación xenerada nas últimas semanas con esta baixa que se dá no equipo médico que ten a ratio de pacientes máis elevada da comarca. Sinalan tamén a importancia de contar cun sistema de Atención Primaria dimensionado con atención presencial e telefónica, polo papel activo que tivo na primeira vaga da pandemia para atallar a expansión da covid 19.

Esta semana inician a recollida de sinaturas
Os nacionalistas de Poio non descartan outras medidas, como as manifestacións e concentracións ante o consultorio, algo que se fará coa correspondente comunicación á Subdelegación de Goberno e medidas como as distancias de seguridade ou o uso de máscaras. Outro dos recursos cos que queren chamar a atención da Xunta para que responda e atalle esta situación son as sinaturas populares. A recollida de firmas entre a poboación iniciarase esta mesma semana.

Comentarios