Lista a remodelación dos aparcadoiros do paseo fluvial da Calzada en Ponte Caldelas

O Concello habilitou 40 prazas e puxo a punto algúns elementos do entorno. Edigal vernizou os bancos da Praza de España
O alcalde, no paseo fluvial. DP
photo_camera O alcalde, no paseo fluvial. DP

Máis prazas de aparcamento e unha mellora estética na Praza de España. Estes foron os cambios sustanciais que se deron na vila de Ponte Caldelas a semana pasada.

O alcalde, Andrés Díaz, confirmou que remataron as obras de repintado e arranxo do primeiro tramo do paseo fluvial coas ue se habilitaron 40 novas prazas de aparcamento.

Ademais do pintado das prazas de aparcamento e das correspondentes cuadrículas amarelas para que os vehículos poidan maniobrar con amplitude e seguridade, o Concello de Ponte Caldelas fixo unha limpeza da rúa e renovou o peche que demilita o vial das fincas colindantes, repoñendo todos os listóns de madeira e recolocando todas as pedras, moitas delas que se atopaban movidas.

Ademais, o carril bici e o paseo peonil que discorren á beira do Río Verdugo foron protexidos coa colocación de bolardos para definir perfectamente os dous espazos de circulación.

"Ponte Caldelas e a súa economía local medran e é preciso medrar con elas", indicou o alcalde, quen lembrou que o municipio leva "tres anos continuados medrando en poboación e, ademais, somos o centro comercial de toda a comarca, ó que cada día se achegan centos de persoas a mercar no noso comercio".

Por outra banda, a empresa Edigal acudiu esta semana ao Concello para supervisar o estado do mobiliario urbano da Praza de España. Tras comprobar o bo funcionamento dos bancos -unha dotación que conta con iluminación propia e cargadores para teléfonos móviles e tablets-, a firma procedeu a vernizar de novo estes elementos para que recuperaran o seu aspecto de mobililario recén estreado.

Comentarios