Lista a renovación da pista do pavillón de Lourido e licitada a da Seca

O Concello de Poio vén de adxudicar a remodelación do Pavillón Municipal a Sport Equpalia con dous meses para a execución ▶ Os equipos da base deportiva cos que falou o Concello comenzarán a usar gradualmente o espazo de Lourido a partir do luns

Lourido
photo_camera Interior do Pavillón de Lourido, no que xa se instalou a nova superficie de xogo. D.P.

A Concellería de Deportes de Poio dá por rematada a parte máis imporante da remodelación do chan do Pavillón de Lourido, un espazo que normalmente acolle as actividades deportivas do centro escolar e desta parroquia, no que a partir do luns se desenvolverán competicións de base, alomenos durante dous meses.

Así o explicou a concelleira Marga Caldas, quen aclarou que se están cumprindo, de momento, os prazos para que esta instalación dea relevo ao Pavillón Municipal da Seca durante o periodo no que este estará pechado para o cambio na superficie de xogo e a reforma do mesmo. 

"Están tematadas as obras de cambio de pavimentación de Lourido, nas que investimos 50.000 euros de fondos propios para cambiar a pista e así poder albergar máis actividade e garantir a calidade nas competicións deportivas dos nosos equipos de base", aclarou a concelleira, que engadiu que "tratamos de axilizar estes traballos porque xa están adxudicadas as obras do pavillón con 200.000 euros para o cambio da pista e outras importantes remodelacións, de xeito que haberá que cerrar ese outro espazo en breve". 

A edil indica que, ante esa data inminente, "a competición de base ten que ter un sitio alternativo", motivo polo que "os traballos máis elementais en Lourido realizáronse en dúas semanas". 

As obras do cambio de cancha no Pavillón Municipal da Seca foron adxiudicadas a Sport Equipalia o martes por un orzamento de uns 200.000 euros e cun prazo de execución de dous meses. 

Co arraxo en Lourido "moita da carga que tiñamos no pavillón poderemos remitila a Lourido", espazo que comenzará a funcionar o luns, pero non ao 100% porque quedan aínda melloras como instalar un marcador e reservar espazo para o público. A edil destacou a coordinación con todos os equipos da base "aos que tratamos de causar o menor prexuízo".

Comentarios