LLERENA PEROZO, ESCRITORA E COMUNICADORA

"O IES de Poio está a facer un gran traballo a nivel de concienciación do alumnado"

A autora do manual 'En Poio sementamos igualdade' está a desenvolver estes días unhas charlas participativas no IES de Poio, nas que afonda cos mozos e mozas en temáticas estreitamente vencelladas coa violencia machista coma "os celos, a idea do amor romántico ou a exclusividade mal entendida"
Llerena Perozo durante a presentación do manual. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Llerena Perozo durante a presentación do manual. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Llerena Perozo está a formar aos alumnos e alumnas de 4º da Eso do IES de Poio sobre a prevención da violencia machista en dúas sesións que comezaron o pasado xoves e que rematan mañá, e nas que a canle para concienciar á xuventude é o diálogo.

Como se debe tratar un tema así ante un público tan novo?
A rapazada recibe moita máis información da que nós pensamos, sobre todo a través das redes sociais. Estes son temas que xa están no debate público, polo que a única abordaxe posible é utilizar unha linguaxe moi clara, directa e, sobre todo, intentar rabuñar na superficie das mensaxes e consignas que teñen interiorizadas porque consideran que é o socialmente correcto. Non vale dicirlles que a violencia de xénero está mal, hai que tratar o como e o por que. Por que nas vosas idades hai trazas máis elevadas que noutras? Se o tendes tan claro, que é o que está conducindo a que se manteña e agudice a situación de desigualdade, cando o discurso político mudou tanto? Dicirlles o que está ben ou está mal non serve de nada, eu fálolle de temas sobre os que pensar, e reflexionamos en conxunto.

Llerena Perozo
"As nenas teñen máis traballo reflexivo feito, os nenos pensan que a violencia non ten que ver con eles"

Que aspectos abordou e como respondeu o alumnado?
Son xente dunhas idades moi receptivas e houbo bastante conversa e debate o xoves pasado. Tamén hai diferenza en como responden as nenas e os nenos. Elas están moito máis informadas, teñen máis traballo reflexivo feito. E isto é moi importante porque en realidade a violencia de xénero de quen depende é deles, non delas. Os nenos compórtanse como se fora algo que non ten que ver con eles, e pensan que como non o van facer están fóra do asunto. En cambio é imprescindible falar con eles dos celos, da exclusividade, de como che gustaría que fora a moza ideal, para entrar en todos os arquetipos e patróns que conducen despois á desigualdade e á violencia. Polo tanto é evidente que a base da pirámide non está tocada. Eu procuro visibilizar os sesgos e prexuizos que non vemos, pero que están aí.

De que xeitos se adoita manifestar a violencia machista nestas idades?
Sobre todo teñen moi consolidados os mitos do amor romántico, de xeito destacable o de que o amor todo o pode, e que se pode cambiar por amor, así coma o dos celos e a exclusividade mal entendida. Iso é tremendo.

Atopouse ante un alumnado concienciado no IES de Poio?
No IES de Poio están facendo un gran traballo a nivel de concienciación. A subdirectora, Sabela, está traballando moito con eles e con elas. O venres anterior sumáranse á acción de asistir á clase con saia e nada máis pasar a porta da Eso atopeime cun taboleiro sobre violencia de xénero. O alumnado estaba moi ao loro do tema, tíñano na súa axenda e respondían cun bo nivel de coñecemento. Isto sempre ten moito que ver co proxecto educativo do propio centro.

É suficiente abordar o tema en sesións co alumnado?
Estas accións son moito máis eficaces cando se fai co profesorado, que é quen está educando. Cando a cabeza che fai ese click e entendes onde está a clave, podes aplicalo na docencia. Entre o alumnado sempre pode haber alguén que te esté escoitando que mude as cousas, pero a eficacia chega á hora de tratar isto como algo serio nun centro de estudos, máis alá de 50 minutos de charla.

Hai pouco publicou En Poio sementamos igualdade, a través da Concellería de Igualdade e o CIM. Como valoras os primeiros meses?
A través do CIM pedimos valoración aos colectivos e esta foi moi constructiva, incluso unha persoa comentou que grazas ao manual conseguira facer ver a unha achegada que estaba a sufrir unha situación de violencia. Con isto xa conseguimos algo importante.

Comentarios