Francisco Lobajeira será o homenaxeado na Festa dos Maios de Poio

Poio abre o día 18 o prazo de inscripción neste certame anual, no que, desde esta edición se renderá tributo ás persoas que impulsan a festa
Paco Lobajeira en foto de arquivo. G.G.
photo_camera Paco Lobajeira en foto de arquivo. G.G.

A Festa dos Maios de Poio deste ano homenaxeará a Francisco Lobajeira Pérez, veciño de Arís de 81 anos, pola súa contribución, nas últimas décadas, a conservar e expandir a tradición dos maios.

O Concello e os diferentes colectivos que integran a organización acordaron que a primeira persoa en recibir este recoñecemento o próximo 1 de maio debe ser Francisco, polo seu labor incansable a prol da cultura e por ser un dos veciños que contribuíron a consolidar esta tradición e espertar o interese entre as xeracións máis mozas, ata convertela nunha festa de grande interese sociocomunitario e incluso turístico. O carácter sociable e sempre colaborador de Francisco coas diferentes entidades e colectivos é o principal rasgo que destacan do premiado, que a través da entidade Todos contra o lume, en Arís, iniciou a súa participación nos maios. Na actualidade continúa axudando a Maio Vilariño. Desde os seus comezos, nas súas creacións apostou máis polas coroas artísticas, entre as que destacan a fonte e a fachada do Mosteiro ou coroas con temáticas do Xacobeo.

Con respecto ao concurso dos maios, este xoves, día 18, ábrese o prazo para inscribirse, e poden facelo desde persoas físicas ata asociacións, grupos, colectivos, centros escolares e agrupacións. Na solicitude, que poden presentala a través da sede electrónica do concello ou no rexistro xeral ata o día 24, deberán incluír os datos da persoa representante do maio.

En canto aos premios, entre os tres primeiros clasificados nas categorías ao mellor conxunto repartiranse 220, 180 e 150 euros, respectivamente. Pola súa banda, os premios ao mellor maio, mellores coplas, mellor coroa, actuación e barco tradicional contarán con premios de 150, 120 e 100 euros. Ademais, polo mero feito de participar, cada maio recibirá 200 euros e dúas roscas.

Comentarios