O Concello de Ponte Caldelas vén de facer público que xa deu cos autores dos actos vandálicos que a pasada fin de semana afectaron á capela do Balneario, un inmoble de titularidade municipal que permanece pechado e non ten culto semanal, pero que o Concello quere preservar como parte do patrimonio da vila.
O alcalde, Andrés Díaz, fixera un chamamento en redes sociais despois de descubrir, este luns, que unha ou varas persoas entraran no templo e pintaran de negro as caras de varias das imaxes relixiosas, ademais de deixar pintadas con sinaturas nas paredes de granito do templo. Díaz solicitou colaboración cidadá e puxo en coñecemento da Garda Civil os feitos. Na xornada deste martes, a Alcaldía comunicou que as persoas responsables xa están localizadas.
Trátase de dous menores de idade que na tarde do luns xa amosaron o seu arrepentimentopolos feitos cometidos e que se comprometeron a limpar os santos, o mantel e as paredes para devolvelos ó seu estado orixinal.
O alcalde denunciou tamén a rotura dunha varanda do pontón da madeira próximo á praia fluvial en xornadas anteriores, e nese caso aínda non se deu co autor ou autores dos feitos.