"Longa vida ao Cordo Boullosa, por outros 50 anos de educación"

O CEIP de Ponte Caldelas celebrou un acto institucional con alumnos, docentes, e políticos para conmemorar o seu medio século de existencia ▶ Unha representación do alumnado e da familia do benefactor que lle dá nome soterrou unha 'cápsula do tempo' para deixar testemuño deste momento

Cincuenta anos de vida non son nada, e menos, se o que os cumpre é unha institución educativa como o CEIP Cordo Boullosa de Ponte Caldelas que este luns viviu unha festa de aniversario na que se reuniron alumnos e alumnas, profesorado, ex-docentes, membros do Consello, da ANPA e da Consellería de Educación, ademais da familia do seu benefactor, Manuel Cordo Boullosa, quen ademais de darlle nome doou os fondos para a súa construción.
O acto iniciouse coa inauguración dun mural e unha placa comemorativa a cargo de Daniel Martínez, quen foi o primeiro director do centro.

Posteriormente, no medio dunha nutrida quenda de discursos, tres representantes dos alumnos e alumnas, Ruth, Álex e Bruno, encargáronse, xunto con unha reintegrante da familia de Cordo Boullosa, de soterrar unha cápsula do tempo que alberga un xornal do día, unha foto tomada na inauguración do mural, unha máscara tan simbólica destes tempos e outras pequenas sorpresas para que no futuro, tal vez dentro de 50 anos, quen a abra, teña un testemuño deste aniversario.

O director actual do colexio, Manuel Barreiro, foi o mestre de cerimonias neste encontro que contou co seu discurso introductorio, con palabras do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares; coa felicitación da inspectora de Educación, Alejandra López; coa análise dunha responsable da ANPA, María Baqueiro, e tamén do alcalde, Andrés Díaz.

Tres representantes dos alumnos e alumnas, Ruth, Álex e Bruno, encargáronse, xunto con unha reintegrante da familia de Cordo Boullosa, de soterrar unha cápsula do tempo que permanecerá preto dunha nova árbore, tamén prantada para a ocasión

Precisamente o rexedor foi un dos poucos que tivo memoria como alumno deses primeiros anos do centro, onde "aprendín a escribir as miñas primeiras letras". Tamén se dirixiu ás emocións o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, quen aplaudiu a valentía de alumnado e mestres e mestras demostrada desde o inicio da pandemia, adaptándose a protocolos, convivindo coas máscaras e facendo posible a educación na pandemia. A responsable da ANPA desexou que a cooperación e alianzas das institucións "poida seguir axudando a cumprir obxectivos de sostebilidade e desenvolvemento".

"Neste centro aprendín as miñas primeiras letras", destacou o alcalde, que estudou os seus primeiros anos de parvulario na vila

A inspectora destacou o traballo do centro nas novas facetas da educación como a inclusión, a atención á diversidade e a participación en distintos programas, mentres que o director, quen desexou, "longa vida ao Cordo Boullosa" e cando menos "outros 50 anos de educación", fixo un repaso desta existencia do centro, que se iniciou con 600 alumnos, case sen espazo, e viviu nove cambios da Lei de Educación antes de ser "o colexio que é hoxe, con pizarras dixitais, aula de informática, de música e de idiomas, biblioteca e comedor escolar". Barreiro agradeceu a todos os asistentes o seu papel nesa evolución e nos cambios que virán no futuro.

No encontro estiveron tamén representantes de toda a comunidade educativa que pode considerarse veciña do colexio, como os directores e directora dos colexios de A Lama, Fornelos de Montes e A Reigosa e foi presenciado en directo polos alumnos de Primaria do centro. O colexio supera os 250 alumnos, en actualidade.

Comentarios