José López Campos: "De maio a xullo A Estrada é un referente gastronómico, festivo, cultural e turístico"

O alcade da Estrada sitúa a tramitación do PXOM, ratificado en 2017, como "o reto máis complexo da miña vida política", que suma xa 16 anos, e asegura que a tramitación de importantes proxectos locais antes do parón estival da Administración impediralle descansar incluso nas festas patronais nas que está mergullada a súa vila estes días

O rexedor, no balcón do seu despacho, no Consistorio. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera O rexedor, no balcón do seu despacho, no Consistorio. PATRICIA FIGUEIRAS

A Estrada celebra ata o próximo mércores, día 27, as súas festas patronais, que o alcalde sitúa como "referentes" polo esforzo organizativo e os completos carteis dos últimos anos.

O San Paio encherá a vila de visitantes estes días. Implícanse coas festas os veciños, empresarios, comerciantes...?
Hai unha impliación importante por parte das empresas. Xa teñen como propio facer as súas achegas e iso permite que fagamos unhas festas cunha certa autonomía económica. O Concello tamén achega unha cantidade importante. Estamos tendo sorte dende que decidimos que a Fundación Cultural non fose quen as organizase, senón unha comisión. Teño que loar e poñer en valor o excelente traballo, ás veces ingrato, que veñen facendo.

E en menos de quince días, a Rapa das Bestas de Sabucedo...
En maio temos a Festa do Salmón, que cada ano sube un chanzo logo de anos de percorrido descendente; en xuño a Festa da Sidra, que foi un éxito extraordinario. Logo entramos nas patronais e do 6 ó 9 de xullo será a Rapa das Bestas. Dende mediados de maio ata mediados de xullo A Estrada convérsese nun referente gastronómico, festivo, cultural e turístico. É importante seguir apostando por centralizar na Estrada moitas iniciativas.

Aproveitará os festexos para descansar ou non toca?

Toca seguir traballando. Agobia a proximidade do parón vacacional. Aínda que eu non pare moito, a Administración sempre se ralentiza en agosto e temos unha morea de proxectos pendentes. Sobre todo o tema da Edusi. Aínda que teño o pequeno consolo de que somos o pobo de España que máis avanzada ten a súa xestión, pasan os meses e non somos capaces de materializar os proxectos, sobre todo a licitación da reforma integral dos xardíns municipais. Tamén nos está ocupando bastante tempo o inicio das obras do novo Centro de Saúde, a mellora na Avenida Fernando Conde, da eficiencia enerxética, os proxectos de asfaltados... A Ley de Contratos non puido entrar en peor momento porque nos descontrolou tódolos procedementos.

"Ser alcalde foi marabilloso. Teño máis proxectos que nunca, pero tamén hai vida fóra da política"

Falando de agobios e de cambios... Sorprendeulle a decisión de Feijóo de quedar na Xunta?
Coñezo ó presidente dende hai 14 anos e considéroo capacitado para calquera reto. A política era unha vocación que te levaba a realizarte na xestión diaria. Agora predomina a inmediatez, e moitas veces pesa máis a frivolidade que a experiencia e a xestión. O presidente estaría perfectamente preparado, pero entendo que tivese dúbidas e que barallase outras alternativas. El en Galicia é moi valorado e tamén ten unha situación persoal distinta á que tiña hai uns anos e creo que na súa decisión pesou seguramente algún compoñente persoal ou a dificultade do reto de facer a transición no partido, que non é sinxela.

Pesan tamén as condicións familiares sobre vostede? Fálase de que non se presentará á reelección...
Non, imos ver… O escenario que teño agora en mente é 2018. Para nós é un ano fundamental por tódolos proxectos que comentei antes que temos que materializar. No 2019 tocará falar do futuro do partido. A verdade, se algo podo dicir é que me sinto moi realizado de ser alcalde da Estrada e moi querido por moita xente no plano persoal. A verdade é que foi unha experiencia marabillosa, estou encantado e teño máis proxectos na mente que nunca, pero falábao estes días con outras persoas que estiveron na primeira liña política, tamén hai vida fóra dela. Valoro moito o ámbito persoal e familiar e é imporante tamén dedicarlle tempo.

Fala en pasado. Podo deducir das súas palabras que non vai seguir?
Temos a gran sorte de que o partido na Estrada ten unha excelente saúde. Temos xente moi preparada e capacitada. Non hai nada que se desprenda das miñas palabras: nin a miña continuidade nin a non continuidade. Sinceramente, non o pensei. O único que sei é que cando remate este mandato serán 16 anos. Estiven catro anos de concelleiro, catro de voceiro na oposición, oito anos de alcalde, fun deputado autonómico, provincial… tiven moitas responsabilidades. Aprendín moito. Non me sinto esgotado. Agora mesmo estou centrado neses proxectos e, de verdade, non o teño decidido. Decidireino, seguramente, a finais deste ano. Pero dará igual cal sexa a resposta. O partido está preparado para calquera escenario.

Comentarios