Xosé María López de Guereñu será homenaxeado este venres no Día da Galiza Mártir

Os actos centrais terán lugar na Caeira, en Poio

Homenaxe a Bóveda en Agosto do ano pasado no monumento adicado á súa figura na Caeira, en Poio. A. SOTELO
photo_camera Homenaxe a Bóveda en Agosto do ano pasado no monumento adicado á súa figura na Caeira, en Poio. A. SOTELO

Asociacións e partidos políticos conmemoran o Día da Galiza Mártir, que se celebra o 17 agosto en recordo ao político e intelectual galeguista Alexandre Bóveda, fusilado polo bando franquista ao comezo da Guerra Civil. 

Os actos centrais por esta efeméride, instituida pola Irmandade Galega en Arxentina presidida por Castelao, terán lugar na Caeira, en Poio, localidade na que a Fundación Alexandre Bóveda entregará, ás 13,00 horas, o XIII Premio Galiza Mártir a Xosé María López de Guereñu, promotor e cofundador da entidade. 

Guereñu foi militante do Partido Galeguista e vicepresidiu a Fundación entre 1990 e 2003. Coa entrega deste galardón, a entidade busca recoñecer o esforzo do grupo fundacional, especialmente dos seus dous primeiros presidentes: Manuel Beiras García (1904-1996) e Fernando Quintela Novoa (1916-2015). 

Por este motivo, a Fundación tamén entregará ao histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, cofundador da entidade e fillo de Manuel Beiras; así como a Dolores Gallego, viúva de Fernando Quintela, unha edición facsímile do cartel que o deseñador Vidarte elaborou en favor da campaña a favor do Estatuto de Autonomía de 1936. 

Previamente, ás 12,00 horas, no Xardín da Ferrería de Pontevedra, En Marea celebrará un acto político no que participará a súa vicevoceira, Ana Seijas, e que contará coa actuación musical da violinista Tatiana Cidrás. ACTOS

POLA TARDE. Xa pola tarde, ás 18.30 horas, no cemiterio pontevedrés de San Amaro e ante os restos de Alexandre Bóveda, Xosé Manuel Beiras pronunciará o tradicional discurso do Día da Galiza Mártir, en recordo de Bóveda e de todos os represaliados. 

Ademais, na Praza Curros Enríquez de Pontevedra comezará ás 20.30 horas o acto político co que o BNG celebra este Día da Galiza Mártir. En concreto, no participará a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, ademais do alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, entre outros.

ACTOS NA CORUÑA E FERROL. Ademais dos actos centrais en Pontevedra, outras asociacións organizan noutras cidades distintas actividades para conmemorar esta efeméride que lembra aos represaliados galegos polo franquismo. 

Así, a Fundación Artabria de Ferrol centrará os seus actos na figura do profesor Juan García Néboa, asasinado na cidade ferrolá tamén o 17 de agosto de 1936. A el, e ao resto de represaliados na comarca, lembrarán nun acto que empezará ás 20,30 horas no Baluarte de Canido e que contará coa presenza do historiador Bernardo Maiz. 

Pola súa banda, o sábado, a AC Alexandre Bóveda realizará un acto na Coruña ante o monumento que se erixe na zona de Catro Camiños en recordo a Bóveda. Nesta ocasión, a asociación lembrará ás mulleres galegas que foron represaliadas.

Comentarios