Miércoles. 19.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 19.09.2018
El tiempo

López de Guereñu reivindica o legado de Bóveda no 82 aniversario do seu fusilamento

Xosé María López de Guereñu pronuncia unhas palabras ante a atenta mirada de Amalia Bóveda. CHRISTIAN FERNÁNDEZ
Xosé María López de Guereñu pronuncia unhas palabras ante a atenta mirada de Amalia Bóveda. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

Amalia Bóveda, a única filla viva do represaliado, pide deixar atrás as "homenaxes de escenario" e esixe investimentos públicos para cumprir coa memoria histórica 

"Viva Bóveda!". Xosé María López de Guereñu reivindicou desta maneira a figura e o legado do intelectual galeguista durante o 82 aniversario do seu fusilamento na Caeira. Fíxoo no acto institucional que este venres celebrou o Concello de Poio para lembrar ao seu Fillo Adoptivo, asasinado polos franquistas o 17 de agosto de 1936. 

"Temos que facer nosas as súas verbas e seguir loitando por unha Galicia autónoma", dixo López de Guereñu tras recoller o XIII Premio Galiza Mártir da Fundación Bóveda, a mesma que el axudou a crear para honrar a "memoria daquel home patriota". 

O breve discurso do que fora militante do Partido Galeguista, de 98 anos de idade, foi un dos máis emotivos e aplaudidos da xornada. A intervención de Amalia Bóveda, a única filla viva do represaliado, tamén espertou unha ovación por parte dos asistentes. Durante o seu alegato pediu deixar atrás as "homenaxes de escenario" e esixiu investimentos públicos para cumprir coa memoria histórica. "Hoxe homenaxeamos a quen quixo consolidar o galeguismo económico. Froito diso, foi asasinado. Este, o seu país, precisa de galeguismo orzamentario porque do que imos sobrados é de galeguismo de vocabulario", engadiu.

A homenaxe a Alexandre Bóveda congregou onte diante do monumento adicado á súa figura a representantes de distintos partidos políticos. A maior parte deles eran do BNG. Liderados pola súa voceira nacional, Ana Pontón, os nacionalistas fixéronse notar durante o acto, ó que asistiron políticos como a eurodiputada Ana Miranda ou Luciano Sobral e Miguel Anxo Fernández Lores, alcaldes de Poio e Pontevedra, respectivamente. 

O portavoz de En Marea, Luís Villares, e históricos do nacionalismo galego como Xosé Manuel Beiras tamén se deixaron ver no 82 aniversario do asasinato do intelectual galeguista. A deputada e tenente de alcalde de Poio, a socialista Chelo Besada, tamén figurou entre o público. Pola súa banda, o Partido Popular tamén estivo representado nas figuras do edil poiense Ángel Moldes e do concelleiro pontevedrés César Abal. 

►Máis información na edición impresa de Diario de Pontevedra deste sábado◄
 

López de Guereñu reivindica o legado de Bóveda no 82 aniversario do...
Comentarios