O Goberno de Soutomaior anunciou que a parroquia de Soutomaior contará cun gran espazo público na contorna do Concello, aberto a toda a parroquia. O alcalde, Manu Lourenzo, explicou que o Goberno xa traballa sobre este proxecto co obxectivo de Soutomaior "conte cun núcleo de centralidade" e asegurou que "Soutomaior terá un espazo público na contorna do Concello, a pesar das mentiras do PP".
O alcalde acusou á portavoz do PP de mentir tras o pleno do pasado mes de setembro e manifestou que no concello non existe ningún proxecto do anterior Goberno para un gran parque en Soutomaior. "O único que hai é un debuxo publicitario que empregaron na campaña e un cambio de usos no PXOM".
Manu Lourenzo sinalou que o colmo do ridículo é que "hai escasos cinco anos que o PP aprobou o PXOM sen ningún proxecto para a contorna do concello, e de súpeto en campaña improvisou un plan de dotacións para cambiar os usos do chan, obrigando aos veciños a gastar o diñeiro dúas veces para o mesmo", o que para o rexedor é "pura improvisación".