A parroquia de Soutomaior contará cunha semana grande de festas en agosto, coincidindo co patrón desta localidade, San Salvador, que se celebra cada 6 de agosto.
A novidade sóubose no transcurso do pleno ordinario do Concello, no cal o alcalde, Manu Lourenzo, sinalou que instaurar unha semana grande de festas en Soutomaior, que decorrerá entre o 2 e o 7 de agosto, "era unha demanda histórica da veciñanza e dos barrios da parroquia que cumprimos neste primeiro ano de mandato do Goberno".
O rexedor de Soutomaior sinalou que "todos os concellos de dimensións semellantes a Soutomaior contaban con semanas grandes, e agora Soutomaior tamén a terá", antes de indicar que xa se iniciaron os trámites necesarios para que "a primeira semana grande de Soutomaior, en agosto de 2024, sente un antes e un despois na historia parroquial do concello, con música, espectáculos e moitas sorpresas que iremos anunciando".
Do mesmo xeito aclarou que "xa estamos en contacto coa parroquia de Soutomaior e nas vindeiras semanas e meses comezaremos a falar cos barrios e coas comisións de festas para traballar de maneira conxunta", sinalou Manu Lourenzo.
O Goberno local quere promover, con esta medida, que as dúas parroquias de Soutomaior (Arcade e Soutomaior) conten cunha festa insignia e representativa da súa idiosincrasia. "Arcade conta coa Festa da Ostra, un festexo gastronómico de relevancia internacional que non só imos manter, senón que imos impulsar; e agora Soutomaior vai contar coa súa semana grande de festas, o que vai a axudar a dinamizar a parroquia e a dotala de actividades, para que a veciñanza desfrute deste Soutomaior de futuro que estamos a construír", concluíu o alcalde.