Lourenzo pide que a Xunta despexe dúbidas sobre o encoro de Forzáns

O BNG, que este sábado ás 20.30 se manifesta por primeira vez contra o encoro, afirma que o proxecto non cumpre coas normativas marco
Comparecencia dos nacionalistas este venres en Pontevedra. DP
photo_camera Comparecencia dos nacionalistas este venres en Pontevedra. DP

O deputado nacionalista Manu Lourenzo instou este venres á Xunta e a Alfonso Rueda a que "deixen de agocharse, dean a cara e confirmen, dunha vez por todas, que non van apoiar ningún tipo de instalación faraónica que sexa letal para os ríos Verdugo e Oitavén". Lourenzo realizou estas declaracións nunha comparecencia, respaldado polos edís nacionalistas de Ponte Caldelas, Sol Seoane e Xabi Lourenzo; de Pontevedra, Demetrio Gómez; da Lama, Sonia Gulías, e de Fornelos de Montes, Pedro Pérez, ademais do responsable comarcal, Iván Bello.

"O que está enriba da mesa é un problema de mala xestión e despilfarro de auga por parte do goberno de Vigo", afirmou o deputado e portavoz do BNG en Soutomaior, que lembrou que na seca de 2017 o caudal ecolóxico do Verdugo estaba no mínimo con apenas 900 litros por segundo, e que calquera redución deste caudal, sexa por transvasamento ou por construción dun encoro, sería fatal para o río e para os fondos marisqueiros do fondo da ría de Vigo, que dá de comer a centos de familias.

Lourenzo lembrou que o proxecto presentado incumpre a lexislación europea de augas, a española e a galega. Pola súa banda, o concelleiro e responsábel local do BNG en Pontevedra, Demetrio Gómez, puxo o exemplo de Pontevedra, coa recuperación do Lérez, co saneamento do Gafos e coa recuperación das xunqueiras como exemplo de boa xestión dos cauces fronte ao proxecto que "quere atentar contra o Oitavén e o Verdugo e afectar aos seus caudais, o que vai provocar graves problemas ecolóxicos e económicos no banco marisqueiro de Arcade".

A portavoz municipal de Ponte Caldelas, Sol Seoane, afirmou que "Ponte Caldelas non é o patio traseiro de Vigo" e animou a participar na concentración de protesta na rotonda de Caritel que se celebrará este sábado ás 20.30 horas.

Comentarios