Luar na Lubre e Suso Vaamonde substituirán á Festa do Viño de Barro

O Concello programou os Concertos do Viño para manter a actividade cultural pese a que crise sanitaria obrigou a suspender a festa
Un concerto de Luar na Lubre celebrado en Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Un concerto de Luar na Lubre celebrado en Pontevedra. RAFA FARIÑA

Non haberá degustacións de viño, concentracións para facer catas, nin sardiñada popular, pero a música non faltará este mes de xuño no Concello de Barro.

A situación sanitaria e a incidencia da cuarta vaga de coronavirus obrigaron a suspender por segundo ano consecutivo a edición da Festa do Viño de Barro, pero nas mesmas datas o Concello vén de anunciar que organizará os Concertos do Viño, os días 19 e 20 de xuño, uns espectáculos cos que o Goberno local quere «dar cabida á cultura nun momento tan complexo» e nos que se planificou cada actuación con detalle para garantir do mellor xeito posible que se cumpren as medidas sanitarias.

Os Concertos do Viño contarán coa actuación do grupo Luar na Lubre o sábado 19 ás 22.00 horas, mentras que o domingo 20, ás 12.00 horas actuará o Píscore cun espectáculo para público infantil. Na mesma xornada, na que conincidirían os actos principais da festa, en horario vespertino, desde as 20.00 horas terá lugar o concerto da Banda xuvenil de Barro con Suso Vaamonde.

As actuacións serán gratuítas e con aforo limitado, pero o Concello sinala que será necesario retirar a entrada nas dependencias muncipais, que estarán dispoñibles a partir do día 1 de xuño en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Co obxectivo de extremar as precaucións e de realizar unha actividade segura e sen riscos, utilizarase un sistema de control no que as cadeiras estarán numeradas e separadas por sectores e no que os asistentes terán que aportar os seus datos persoais á hora de recoller as entradas coa finalidade de ser contactadas se fose necesario. Expedirán un máximo de cinco entradas por persoa. Os Concertos do Viño inauguran un ciclo de actividades culturais seguras que percorrerán distintos lugares das parroquias ao longo de todo o verán.

Comentarios