Lucía Pérez devólvelle a Poio a ilusión por gozar da música na festa patronal

A explanada da Seca acolleu o primeiro dos concertos do programa de San Xoán con aforo limitado, máscara e distancias de seguridade
Un momento da actuación de Lucía Pérez en A Seca. RAFA FARIÑA
photo_camera Un momento da actuación de Lucía Pérez en A Seca. RAFA FARIÑA

Nou houbo fogueira monumental, conxuro colectivo, ou sardiñada popular, pero Poio está facendo todo o posibe por non perder as súas festas máis emblemáticas como consecuencia dos efectos da pandemia, e o concerto de Lucía Pérez, este xoves, na explanada da Seca, foi a proba de lume de que se pode ir ampliando de xeito escalonado a programación cultural sen poñer en risco a seguridade dos veciños e veciñas.

A artista lucense estreou o formato de concertos deste San Xoán, con un recinto ao aire libre no que había 250 prazas aforadas e un sistema de control no que se garantía o bo uso das medidas sanitarias. A asistencia non chegou a cubrir a metade do aforo indicado, pero esta circunstancia non desluciu unha cita desexada polos veciños e que contou, ademais, con boas temperaturas que acompañaron o bo ambiente. No encontro, unha representación da Corporación entregou os premios aos cativos gañadores do concurso de carteis das festas deste ano.

A programación de San Xoán tamén tivo misa en honor ao patrón, con procesión, encabezada por unha delegación da Corporación, así como concerto dunha banda de música. Para animar os distintos barrios das parroquias, ademais, non faltou un concerto de pequeno formato (50 asistentes) a cargo de Take it easy en San Martiño.

Para a xornada de hoxe, o programa será similar, coa actuación de Susana Seivane ás 22 horas na explanada da Seca, no mesmo formato con aforo de 250 participantes, e con unha sesión a media tarde en O Pereiro, a cargo de Rudi Dudi, con capacidade para 50 asistentes. Tampouco faltarán os pasarrúas de grupos folclóricos por San Xoán a partir das 10.00 horas. Os actos relixiosos en honra de Santa Trahamunda terán lugar ás 12.00 horas. O Concello conta con poder ofrecer o sábado ás 22.00 o concerto de Gustavo Almeida, e o domingo ás 21.00 o espectáculo de Nelson Quinteiro.

O goberno local, a través do edil de festas, Xosé Luís Martínez, e do alcalde, Luciano Sobral, insta este ano a un goce moderado dos eventos, tendo en conta a situación sociosanitaria do concello, que segue a rexistrar incremento de contaxios e hoxe entra en nivel medio alto de restricións.

Concerto da banda de música. DAVID FREIRE

Comentarios