Luis Poceiro: "O PP está a ser moi inxusto con Vilaboa"

O alcalde acudirá á manifestación de este xoves ás 19.00 horas convocada por Salvemos Vilaboa ▶ "Como lle chama o PP aos 40 expedientes con multas?", pregunta o rexedor, que acusa a   Rosendo de "mentir" ao dicir que só haberá dous derrubos

Luis Poceiro, alcalde de Vilaboa. DP
photo_camera Luis Poceiro, alcalde de Vilaboa. DP

"O PP, desde a Xunta e desde a agrupación municipal, está a ser moi inxusto con Vilaboa". Son declaracións do alcalde deste concello, Luis Poceiro, que o mércores, a escasas 24 horas de que se celebre unha gran manifestación de Salvemos Vilaboa contra os derrubos da APLU, quixo saír a defender de novo o aprazamento da execución da sentenza que afectaría a unha vivenda e a outra construción no municipio.

O rexedor, que este mesmo mércores aclarou que el estará "na manifestación cos veciños e onde faga falta" para evitar o derrubo da vivenda de López Patricio quixo ser claro "ante as declaracións da voceira do PP de Vilaboa, que está a deixar entrever que a culpa é do alcalde por ter o Plan no caixón".

Se nestes catro días que faltan non se reflexiona, non sei o que pode chegar a pasar o luns

Poceiro considera que "ademais de inxustas", estas declaracións "amosan a falta total de sensibilidade e tacto" ante un asunto que está xerando moito malestar no concello e mesmo conflitividade pois "se nestes catro días que faltan non se reflexiona, non sei o que pode chegar a pasar o luns".

O alcalde lembra que "o único que pedimos é que se teña en conta que se vai derrubar algo que ao mellor se podería legalizar nuns meses ou nun ano. E iso causaría cuantiosas perdas. Só se trata de esperar a que aproben o Plan Xeral", dixo, insistindo en que "sentenzas de derrubo hainas en todas partes, e non se executan todas coa mesma présa".

Só se trata de esperar a que aproben o Plan Xeral, di, insistindo en que sentenzas de derrubo hainas en todas partes, e non se executan todas coa mesma présa

O rexedor de Vilaboa vai máis aló para dicir que Bea Rosendo, voceira do PP, e o resto de cargos de Urbanismo que insisten en dicir o mesmo "menten" ao afirmar que "só se trata de dous casos con sentenza firme". 

"Polo que sabemos, en Vilaboa hai unha vintena de casos de expedientes na franxa da costa. Son expedientes de demolición. A xente está pagando multas coercitivas para que non lles derruben, e no caso contrario terán que facelo. E no interior temos noticia doutra vintena de casos, en rústico, de expedientes con orde de derrubamento e nos que se están pagando multas coercitivas", insiste.

O alcalde sinala que "hai casos de veciños que pagan ata 10.000 euros cada ano para evitar ter que tirar abaixo as casas", e puntualiza tamén que "outros casos nin se coñecen porque veñen dos anos 90 e a xente, por vergoña, non conta o que lle pasa".

A única época na que se nos pode acusar de ter o PXOM nun caixón foi cando gobernamos con maioría minoritaria e os dous grupos da oposición non o apoiaron

"Como lle chama o PP a estes casos de expedientes e a estas multas coercitivas? Como lles chama Bea Rosendo?", apunta, indignado, o rexedor.

Poceiro lembra á súa vez que "a única época na que se nos pode acusar de ter o PXOM nun caixón foi cando gobernamos con maioría minoritaria e os dous grupos da oposición non o apoiaron. Non foi ata 2012 cando conseguimos consenso para dar a aprobación inicial ao documento. E aínda así, o PP abstívose daquela".

Ademais, o alcalde lembra que os precedentes foron os peores posibles "nunha época na que só podiamos dicir que tiveramos gobernos do PP en Vilaboa, como sucedeu desde o inicio da Democracia ata finais dos 90".

Eu tiven que dicir en Madrid que daquela os alcaldes ían ao Concello a firmar documentos e que tiñan que ter outros traballos para excusar a súa xestión, mentres que o PP opta por esparexer o lixo

"Eu teño ido a moitas reunións a Madrid e alí, vendo a hemeroteca e a historia, respóndenme, alcalde, ¿qué espera?", engade Poceiro, quen sinala que "a anterior Ley de Costas foi aprobada polo PSOE no ano 88. Ben, pois esa lei tamén tiña unha disposición transitoria que daba un tempo aos afectados, como Vilaboa, para alegar. Era unha disposición para concellos con normas ou planeamentos de data recente, e o Concello contaba cunhas normas aprobadas en xaneiro do ano 88, pero non se alegou nada", sinala.

"E tampouco se alegou nada no ano 96, cando, previo ao deslinde do 97, entre San Adrián e o río Ulló se enviou unha convocatoria para presentar as observacións ao deslinde de Costas", insiste o rexedor, que pon o foco sobre a xestión do último alcalde do PP, Enrique Fernández. "Eu tiven que dicir en Madrid que daquela os alcaldes ían ao Concello a firmar documentos e que tiñan que ter outros traballos para excusar a súa xestión, mentres que, pola contra, o PP, ante a situación actual que eles están xerando, optan por esparexer o lixo", insiste, moi molesto, o rexedor, que pide ao PP local que "cada pau aguante a súa vela".

O alcalde considera totalmente factible o feito de que a APLU paralice a actuación prevista, e sostén que o contrario fai ver que "queren dar exemplo con Vilaboa".

Comentarios