Lunes. 10.12.2018 |
El tiempo
Lunes. 10.12.2018
El tiempo

ENTREVISTA: LUIS POCEIRO, ALCALDE DE VILABOA

Luis Poceiro: "Vexo que non hai vontade política para esperar a que se aprobe o PXOM"

Luis Poceiro, alcalde de Vilaboa
Luis Poceiro, alcalde de Vilaboa

O rexedor de Vilaboa vén de falar na asemblea de veciños que se manifestarán pola situación do urbanismo para comprometer o seu apoio ►Hai sete días reuniuse cos responsables da Xunta para tratar o asunto e conseguiu que admitan aprobar o PXOM por partes, se non é posible facelo todo dunha vez, pero non así que se poña freo aos derrubamentos de casas xa sinalados no calendario

Casas ameazadas pola piqueta e familias con peticións de penas de cárcere polas súas vivendas sen licenza... O urbanismo volve ser causa de preocupación en Vilaboa, e o alcalde considera que, cada vez máis, os veciños teñen dereito a estar fartos. Nas vindeiras manifestacións convocadas polos afectados haberá participación do Goberno local.

 

Nós temos claro que hai moitos exemplos onde hai sentenzas firmes do TSXG, ou outros tribunais, pero as construcións seguen en pé. E aí é onde estamos doídos. Por que nuns si se derruba e noutros non?

Como acolle o bipartito esta nova situación, na que o urbanismo volve botar aos veciños á rúa?

A situación é complexa. O domingo reuníronse en Riomaior os afectados, de Salvemos Vilaboa e os da franxa do interior, de Postemirón, onde están pendentes dun novo xuízo. Eu pedín a palabra, porque quixen aclarar a parte que me toca como alcalde. Expliquei como estamos co PXOM no tempo que levamos gobernando e fíxeno porque esta sería a ferramenta coa que poderiamos resolver a maioría dos casos. E tamén lles dixen que o Concello estará con todos os veciños. Eu o outro día entendín (na reunión na Xunta, o pasado martes, coa conselleira) que cando hai unha sentenza hai que cumprila para non prevaricar. Pero tamén razoamos se o de Vilaboa é un urbanismo abusivo que mereza isto. E eles coñéceno perfectamente para saber que non é así. Nós temos claro que hai moitos exemplos onde hai sentenzas firmes do TSXG, ou outros tribunais, pero as construcións seguen en pé. E aí é onde estamos doídos. Por que nuns si se derruba e noutros non? Nós tamén cremos que as sentenzas hai que cumprilas, pero pediamos que se paralizara mentras non aprobaramos o PXOM. Loxicamente, non podemos levar a pancarta, pero podemos apoiar aos veciños. A plataforma quere saír á rúa e imos estar con eles. 

Ao coñecerse que hai novos derrubamentos en marcha, o Concello levará este asunto ao Pleno?

Si. Por unha banda había data para un xuízo a unha veciña de Postemirón, que finalmente se adiou pola folga dos traballadores Xustiza, e para este caso apróbase unha petición institucional, na que se explica que o Plan Xeral está pendente de aprobación e que se poderían legalizar as casas. Non é que a derruben ou non, senón que se espere para ver se se pode legalizar esta situación. E no caso de Enrique López Patricio, que é compañeiro noso e que é voceiro do colectivo Salvemos Vilaboa, tamén se está estudando por parte dos xuristas o texto a presentar. 

Tamén irán a tribunais europeos?

Non sabemos que expectativas realistas pode haber tendo data fixa para o derrubamento, pero está claro que o están estudando todo. Foi a voceira do PP a que propuxo estas cousas, por certo.

Ten peso no malestar veciñal que sexa a casa do voceiro de Salvemos Vilaboa, que leva tantos anos de loita por evitar o derrubamento, a que está ameazada pola piqueta?

Bueno. Nesta recente reunión na que estivemos coa conselleira, a directora xeral de Urbanismo e o responsable da APLU, o que sacamos claro foi que hai preto de 40 expedientes abertos, pero non todos son iguais. Na maioría hai orde de demolición e esta non se cumpre e reciben multas coercitivas. E logo, noutros, temos resolución xudicial firme. Son dous casos: o de Enrique López Patricio e o do Cirus. Curiosamente, no segundo están coa redacción do proxecto, pero a de Enrique xa ten data. Iso é o que espuxemos, que por que esta casa si e outras noutros concellos non. Tamén se nos dixo por primeira vez que, se o informe de Augas non é favorable, o plan se podería aprobar mediante plans parciais, por partes.

Na franxa da Costa, na dos 100 metros, entre o 88 e o presente, en Vilaboa fixéronse unhas 400 casas. Loxicamente, non estarían todas en perigo, pero preto de 200 quedan nun baleiro legal similar a este.

 

Chegado o día, como este afectado tiña unha licenza, podería reclamarlle ao Concello os danos?

Non sei a resposta a isto, porque non son xurista, pero o que está claro é que daquela, nos finais dos 80, a Lei atribuía aos concellos conceder licenzas condicionadas pola licenza de Costas, e esa licenza non chegou, porque, entre outras cousas, nos 90 había un baleiro legal entre Costas do Estado e da Xunta. Isto foi o que sucedeu. Tamén é certo -e así o fixemos saber na reunión na Xunta a semana pasada- que na franxa da Costa, na dos 100 metros, entre o 88 e o presente, en Vilaboa fixéronse unhas 400 casas. Loxicamente, non estarían todas en perigo, pero preto de 200 quedan nun baleiro legal similar a este. O Urbanismo en Vilaboa non é especulativo. Vexo que non hai vontade política para que, simple e llanamente, se espere a que o PXOM dea unha solución, tendo en conta que na súa dilación temos culpa todos: desde media ducia de normativas que houbo que incorporar, ata a fase final,na que primeiro piden os canastros, despois a delimitación e, por último, as traídas de auga por mor da senteza de Monterrei e Verín...  

Cal cre que será a resposta sobre o PXOM?

Quero pensar de modo optimista, pero xa teño levado moitos reveses. Esta semana saberemos que di Augas de Galicia. A ver se non aparece nada máis que corrixir. Pero parece que, total ou parcialmente, desta vez irá adiante.

Con respecto aos veciños, que ten que dicir?

Que estamos con eles, aínda que non poidamos portar pancartas. Hai que cumprir as sentenzas, pero en todos os concellos, non só en Vilaboa.

Sempre digo que os PXOM poñen e sacan alcaldes. Eu tíveno parado un ano. Pero, oia, un ano. E o resto do tempo? Todo foron reveses

Chegou a pensar en desfacer a adhesión á APLU?

Chegamos a falalo nalgunha ocasión, pero non paga a pena. Á APLU chegamos porque había un problema e pola falta de medios. Pero tamén é unha desilusión ver o resultado. No caso desta veciña que está pendente do xuízo, a APLU ten fotos de cando iniciou a vivenda. Se nós lle tiveramos enviado ao policía a paralizar...  

A relación coa Dirección Xeral de Urbanismo é boa?

Si. Non dubido dos profesionais que nos tocan. Ata me culpei a min mesmo na reunión dos veciños. Sempre digo que os PXOM poñen e sacan alcaldes. Eu tíveno parado un ano. Pero, oia, un ano. E o resto do tempo? Todo foron reveses, sempre nos botan abaixo todo. O caso é que hai moita xente pasándoo mal, nunha situación difícil e de inseguridade, e non se pode continuar desta maneira.

Aprazado o xuízo: A folga da Xustiza adía a vista deste martes
A folga dos traballadores da Xustiza obrigou a adiar sen data a sesión na que se analizará se hai delito urbanístico na actuación dunha veciña de Postemirón que promoveu unha casa en chan rústico. O seu caso será o terceiro nun ano en pasar por un tribunal do penal e para ela a Fiscalía pide dous anos de cárcere, ademais dunha sanción económica que podería estar por enriba dos 6.000 euros. O Concello insiste en que a casa será legalizable co novo PXOM.

Luis Poceiro: "Vexo que non hai vontade política para esperar a que...
Comentarios