Luz verde da Deputación ao proxecto de mobilidade peonil en Barro

A actuación levarase a cabo na estrada provincial EP-0508 Curro-San Amaro,
Imagen de archivo del edificio de la Deputación de Pontevedra. DP
photo_camera Imagen de archivo del edificio de la Deputación de Pontevedra. DP

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o proxecto para a recuperación do espazo e a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-0508 Curro-San Amaro, ao seu paso pola praza de San Amaro ubicada no concello de Barro. A actuación, tal e como detallaron onte dende o ente provincial, conta cun orzamento de licitación de 303.282 euros. Este ambicioso proxecto permitirá ao concello recuperar esta contorna para as persoas cun novo espazo de convivencia a carón da Capela de San Amaro, nunha zona de gran tradición e valor patrimonial que atravesa o Camiño Portugués a Santiago.

O proxecto de recuperación e mellora da mobilidade no municipio, fiel ao modelo de mobilidade sostible, amable e segura da Deputación, consistirá na creación dunha praza, zona de convivencia elevada a 10 centímetros da rasante da estrada actual, que se construirá con pavimentos de pedra e se dotará de mobiliario urbano moderno e dun deseño con bancos de pedra, co que se persegue dignificar así tamén a propia capela de San Amaro.

A maiores do proxecto en si mesmo, executarase unha nova rede de pluviais, procederase ao soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións existentes e executarase unha nova rede de fecais e alumeado público con luminarias led de deseño. A actuación complétase coa instalación dunha nova sinalización horizontal e vertical e o acondicionamento de todo o ámbito coa plantación de árbores.

As obras responden ao convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra, que achega un 70% (212.297 euros) e o Concello de Barro, que asume o 30% restante (90.894 euros).

Comentarios