miércoles. 20.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.10.2021
El tiempo

M-Clan e Dr.Queen esgotan as entradas para esta fin de semana na Praza da Granxa

undefined
M-Clan inaugura esta noite os concertos do Festival da Ameixa. DP
Campelo contará con aparcamentos disuasorios para garantir o estacionamento durante os concertos do Festival da Ameixa

O Programa Verán en Poio 2021 encara a despedida da tempada estival por todo o alto e coas entradas xa esgotadas para os dous grandes concertos do Festival da Ameixa, que se celebran esta fin de semana: M-Clan e Dr.Queen. Ambas citas terán lugar na Praza da Granxa a partir das 22.00 horas, este venres e o sábado, respectivamente.

Así, pasarrúas e concertos serán as estrelas das dúas últimas fins de semana de setembro en Poio, coas que se porá punto final ao verán, e nas que se pretende facilitar a intendencia a todos os asistentes.

Por este motivo, o concelleiro de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez, explicou que se dispoñibilizarán aparcamentos disuasorios na contorna. Trátase de parcelas cedidas polos seus propietarios para garantir prazas suficientes de estacionamento durante os dous días de concertos, aos que hai que sumar os aparcadoiros disuasorios xa habilitados polo Concello en Pedro Soto e Padre Avelino. Neste sentido, o edil do Goberno local agradeceu "a predisposición destas persoas para facilitar este servizo".

Os colectivos locais tamén terán a súa cota de protagonismo neste Festival da Ameixa. Así, a programación abrirase o venres ás 19.00 horas cun pasarrúas a cargo de Vides Novas. O sábado, ás 11.30 horas, a Escola de Música Tradicional de Poio será quen se encargue de encher de música e colorido o núcleo de Combarro, mentres que Os Queimatasas entrarán a escena a partires das 19.00 horas.

Cómpre lembrar que este festival substitúe á tradicional Festa da Ameixa, que este ano non se celebrará por mor da pandemia. "Confiamos en poder recuperar o formato habitual en 2022", indicou Martínez Blanco.

O que si se mantivo con respecto a anos anteriores foi o Concurso de Fotografía Festa da Ameixa, que chegou á súa cuarta edición. Festexos deu a coñecer os nomes dos autores e autoras das tres instantáneas mellor valoradas polo xurado, baixo unha temática que tivo a Campelo coma protagonista.

A obra gañadora foi 'Un paseo ao atardecer', de Gerardo Pazos Juncal, mentres que o segundo premio se lle outorga a Iago Manoel Souto Lorenzo por 'Un lugar diferente'. Por último, a terceira fotografía máis valorada foi 'Limiar', realizada por Annabel Gómez Carballo. Todos eles recibirán vales de 300, 200 e 100 euros, respectivamente, para que poidan investir na compra de material fotográfico ou similar.

ORQUESTRAS NA SECA. O concelleiro de Festexos lembrou que aínda quedan entradas en Woutick.es para os espectáculos das orquestras París de Noia, o 24 de setembro, e El Combo Dominicano o sábado 25, ambos ás 22.00 horas na Seca. Verán en Poio 2021 despídese o domingo cun espectáculo a cargo de Pelepau en Costa Xiráldez (Lourido), ás 20.00 horas, con entrada libre ata completar aforo.

Martínez fixo un balance moi positivo do seguimento que tivo a programación durante o verán no que se "completou aforo en practicamente todos os concertos e citas ofertadas". No caso da Festa do Mar, sinalou como un "grande acerto" dividir as citas entre Combarro e Raxó, ademais de destacar o labor realizado pola Asociación Armadiña e polo Club A Reiboa.

Máis eventos: fogos de luces na festa da Saleta 2021, en Raxó
Despois de ter que suspender a celebración da Festa da Saleta o pasado 2020 por mor da pandemia e das restricións, a comisión de festas de Raxó vén de anunciar que retoma a actividade dun xeito adaptado á covid-19, agardando que "para o ano 2022 poidamos recuperar a normalidade e traer grandes orquestras, facer a procesión polo mar e as carreiras de traineras", que tiveron que pospoñerse ante a situación sanitaria.

A pesar disto, esta fin de semana, concretamente este venres 17, e o sábado 18, e o domingo 19 de setembro, haberá diversión para todos os públicos cunha programación adaptada á nova normalidade e que inclúe unha espectacular tirada de fogos de luces.

Dita programación arranca este venres, ás 20.00 horas, coa animación da ‘Batucada dos Queimatasas’. O sábado ás 11.00 horas celebrarase a Misa do Carmen, mentres que ás 12.00 horas haberá animación por parte da Charanga OT. Ás 17.00 horas celebrarase unha festa sorpresa para os rapaces e rapazas máis pequenos, aos que se recomenda asistir con bañador, e que se desenvolverá no porto de Raxó. Ás 20.00 horas haberá animación por parte da Charanga Mil9 e ás 23.00 horas celebrarase a tirada de fogos de artificio. O domingo ás 9.30 horas celebrarase a alborada a cargo de Vides Novas e da Escola Tradicional de Música, e ás 11.00 horas, a Misa da Saleta, para finalizar ás 18.00 horas cun concerto da Escola de Acordeóns de Campelo no Porto de Raxó.

A comisión de festas agradeceu a colaboración das institucións e patrocinadores e desexan que todos os veciños e veciñas teñan "unhas boas festas", coa vista posta xa no ano 2022, no que agardan recuperar a normalidade.

M-Clan e Dr.Queen esgotan as entradas para esta fin de semana na...
Comentarios
ç