Madamas, galáns e competicións tradicionais no Entroido de Cobres

O Entroido de Cobres, en Vilaboa, é un dos máis característicos da comarca. Este martes foi o día grande, o da Corrida do Galo, onde ademais do espectacular baile de Madamas e Galáns, tamén se celebraron as tradicionais competicións populares.

No galo na vara gañou un rapaz chamado Adrián Nacimiento, despois de que o intentaran dez valentes. Adrián agatuñou pola vara, que nesta ocasión medía máis de oito metros de altura, con unha facilidade que deixou abraiado ao público. Unha vez superada a metade da distancia, ante a confianza en que o conseguiría, todos corearon o seu nome para animalo. Adrián é de Santa Cristina, ten 26 anos, e é a primeira vez que consegue o galo na vara.

No galo no río, o gañador foi Abel Fernández, campión en tres ocasións e que revalida o título acadado o ano pasado. Houbo seis nadadores que o intentaron durante media hora e solo un deles, Israel, se presentou dotado de neopreno para soportar as frías temperaturas da auga do río Maior. Non contento cos 50 euros deste premio, Fernández tentouno na vara, aínda que non conseguiu superar o último tramo da proba. 

En canto ás madamas e galáns, nos seus últimos bailes do Entroido 2020 puxeron o broche de ouro a unha celebración na que participaron 18 parellas de bailaríns e bailarinas, que levan ensaiando os pasos ancestrais desde setembro de 2019. Os persoeiros máis emblemáticos do Entroido no Sur da provincia congregaron a centos de persoas na carpa das festas para seguir as súas danzas.

Comentarios