Madamas e galáns non se encolleron ante a chuvia

O galo no río foi para Abel Fernández mentres que Xián Farto fíxose co da vara nunha xornada na que participaron 40 danzantes

Entroido de Cobres. G. GARCÍA"¡Ánimo que somos poucos, pero somos os mellores!". Con estas palabras chamou Xan Lourenzo, animador e predicador do Entroido de Cobres, aos asistentes á cita tradicional no Riomaior? para que se acubillaran na carpa na que se celebrou este martes, o día grande do Entroido, despois de que en case toda a provincia se suspenderan as festas polo mal tempo. A abondosa chuvia non impediu que 40 madamas e galáns danzaran os seus tradicionais bailes, e tampouco foi freo á hora de desenvolver os xogos populares propios desta festa, que contaron con maior participación que en xornadas nas que non houbo precipitacións.

Así, para disputar o galo na vara reuníronse nove mozos, que percorreron o pau suspendido sobre o Río Maior máis de cinco veces cada un antes de conseguir o premio. O galo (e os 150 euros) foi para Abel Fernández, de Santa Cristina, aínda que tamén puxeron moito empeño en logralo participantes como Fabio López, Xián Farto, Dani Martínez, Álex Riobó, Mario ou Walid Zendi. Se a chuvia foi unha complicación para avanzar sobre o río, o poste vertical do xogo o galo na vara foi xa un imposible. A mocidade optou por traballar unida para vencer o esvaradío reto e, ao final, o premio foi para Xián Farto, que só chegou ao tope do poste (uns sete metros) grazas á pirámide humana que fixeron seis compañeiros. Un dos lances no río. GONZALO GARCÍA

Na festa non faltou a prédica irónica de Lourenzo, nin os bailes dos veteráns de Cobres, así como o máis veterano e querido padriño desta festa, Manolo de Pío (Manuel Martínez), que segue a acudir para levar o estandarte aínda que ten preto de 90 anos.

Comentarios