Magín Froiz será nomeado fillo adoptivo de Poio a título póstumo

A homenaxe levarase este xoves á Xunta de Voceiros, para ser aprobada posteriormente en Pleno ▶ O alcalde, Luciano Sobral, destacou "o seu espírito solidario e capacidade para xerar actividade"
O alcalde, Luciano Sobral, xunto a Magín Froiz, como pregoeiro das festas de San Xoán en 2012. ALBA SOTELO
photo_camera O alcalde, Luciano Sobral, xunto a Magín Froiz, como pregoeiro das festas de San Xoán en 2012. ALBA SOTELO

O empresario Magín Froiz terá, por fin, o seu título honorífico como fillo adoptivo do municipio. Así o anunciou este mércores o alcalde de Poio, Luciano Sobral, quen destacou "o seu espírito solidario e a súa capacidade para xerar actividade económica e riqueza no noso concello durante boa parte da súa vida", como os valores que guiaron toda a súa traxectoria profesional con base en Poio, dende onde levantou e expandiu todo un referente no sector alimentario.

Esta homenaxe chega despois de que o empresario falecera o pasado 10 de marzo aos seus 78 anos e, para a súa materialización, abordarase este xoves na Xunta de Voceiros ás 13.00 horas. "Entendemos que un persoeiro da categoría de Magín Froiz merece un recoñecemento que debe ser consensuado por todos os grupos da Corporación municipal", manifestou o alcalde. Se ben ata a súa aprobación en Pleno o nomeamento recibirá aínda a calificación de proposta, os grupos da Corporación mostraran xa con anterioridade a súa postura a favor. De feito, no ano 2012, o mesmo no que se anunciara o nomeamento de Froiz como pregoeiro das festas de San Xoán dese ano, o Partido Popular propuxera xa entón o nomeamento do empresario como fillo adoptivo do municipio, como homenaxe a "nivel institucional", segundo manifestara entón o voceiro, Ángel Moldes.

Unha vez se constate o acordo da Xunta de Voceiros, o seguinte paso será iniciar a tramitación do expediente para o nomeamento, que terá que aprobar a Comisión e o Pleno da Corporación na vindeira sesión correspondente.

OITAVO PERSOEIRO. Magín Froiz pasará á posteridade como o oitavo persoeiro nomeado fillo adoptivo do municipio, despois de Gonzalo Fernández de la Mora y Mon (1974), Pío Cabanillas (1997), César Otero (1986), José María Vallejo (1986), Antoine Marc Luc Machourek (1987), Adolfo Pérez Esquivel (1987 e gañador no Premio Nobel da Paz en 1980) e Benito Montero (2011). "Magín Froiz foi un dos grandes embaixadores que tivo Poio, que sempre apostou polo produto local e que nunca dubidou en prestarse a colaborar no que fose preciso, como así o demostran as doazóns que realizou para Servizos Sociais ou na organización de diferentes eventos, sen esquecer a súa paixón polo deporte", lembrou Sobral, quen tamén quixo destacar "a humildade, profesionalidade e tesón" de Froiz, que "o levaron a fundar unha empresa que creou milleiros de postos de traballo".

VENCELLADO A POIO. Se ben hai que lembrar que Magín Froiz nacera en Huesca, sempre mantivo un vínculo moi estreito co municipio, onde residiu ata o seu falecemento. No ámbito deportivo, tamén destaca a súa paixón polo ciclismo, que serviu para dar vida ao GD Supermercados Froiz, un dos clubes punteiros de Poio que, precisamente, o vindeiro 22 de abril celebrará o seu acto de presentación tras ser suspendido polo pasamento do empresario, e no que se lle renderá tamén unha homenaxe póstuma.

REACCIÓNS

Josefa Moreira. Presidenta da Asociación de Veciños de Lourido

"En parte, a asociación sobrevive por el"

"Parécenos moi ben porque el meréceo, foi moi bo veciño e unha persoa moi solidaria que colaborou en todo con nós. Nos xogos de verán, no Entroido, no Magosto e na festa infantil, e ata nos poñía as pancartas. En parte, a asociación sobrevive por el, grazas ao moito que nos axudou".


José Dasilva. Membro de Hoempo en Poio

"Sempre tirou pola xente de aquí"

"Deulle traballo á xente de Poio e de fóra. Parécenos perfecto, porque é unha persoa que o merece, sempre tirou pola xente de aquí. Cando fixemos a marcha da hostelería a Madrid doounos fiambre e conservas e ata desprazou a unha persoa para levárnola".


Arsenio Pedre. Tesoureiro da Asociación de Empresarios En Poio

"Foi unha gran persoa e gran empresario"

"Que sexa fillo adoptivo de Poio é un gran recoñecemento. Magín Froiz foi unha gran persoa e tamén un gran empresario, sempre estivo disposto para os veciños deste municipio. Para nós era un exemplo, sobre todo na xeración de postos de traballo no ámbito local".

Comentarios