Os maiores de Poio, a unha chamada de combater a soidade

Servizos Sociais pon en marcha a campaña telefónica Ata máis ver
A concelleira Rosa Fernández e a técnica Ana Campos presentaron a iniciativa. GONZALO GARCÍA
photo_camera A concelleira Rosa Fernández e a técnica Ana Campos presentaron a iniciativa. GONZALO GARCÍA

A soidade en Poio combátese. Especificamente, a "non desexada". Así o explicou este mércores a Concelleira de Benestar Social e Mocidade, Rosa Fernández, acompañada dunha das técnicas, Ana Campos. Coa situación de illamento xerada pola Covid-19 e a inminente chegada dun Nadal no que moitos maiores aínda non saben se poderán estar acompañados, Servizos Sociais de Poio lanza a campaña Ata máis ver, que foi presentada na Casa Rosada e que se porá en marcha de xeito inminente, para acompañar aos maiores de 65 anos que viven sós.

A través do padrón do Concello localizouse a todos aqueles maiores que se atopan empadroados sós nun domicilio de Poio. A eles, faráselles chegar unha carta na que consta o número de teléfono de Servizos Sociais, que os convida a poñerse en contacto se "simplemente se sinten sós e queren falar". A partir desa toma de contacto, Servizos Sociais establecerá varias citas telefónicas á semana con estas persoas, "para falar do que lles apeteza, e establecer un contacto con eles, que se sintan acompañados se non teñen con quen falar", explican a concelleira e a técnica. Ao outro lado do teléfono estarán as técnicas de Servizos Sociais ou, "mesmo se fai falla a propia concelleira e o persoal do Concello, aquí sempre haberá quen esté disposto a falar con eles", din.

Deste xeito, Servizos Sociais enviará un total de 560 cartas co número de teléfono 986 87 24 01 para que aqueles maiores que o precisen se animen a contactar. "Se detectamos algunha necesidade adicional, por suposto que faremos o posible por cubrila, aínda que sexa que nos digan que lles fan falta mantas para a cama", aseguran. "Agora mesmo os maiores están nas casas. Están cansados de estar alí e chámannos pola soidade que senten. Non deixan de pedirnos que lles enviemos os exercicios do programa Saudemente", asegura a concelleira.

A campaña Ata máis ver ten "custe cero" e sobre ela haberá información tanto nos centros de saúde como nas farmacias para que "ninguén se sinta só".

Comentarios