Máis de 1.000 persoas desafían á choiva e gozan do tradicional Entroido da Lama

Os Canecos, Os Solfamidas e Amoriños de Bora, primeiros premios na categoría de comparsas, mentras que en grupos locais gañaron A Pandilla, Lembranzas da Lama e Onde Vas Paco?
Os asistentes gozaron dunha xornada lúdica con desfile, degustación e premios. CONCELLO
photo_camera Os asistentes gozaron dunha xornada lúdica con desfile, degustación e premios. CONCELLO

Máis de 1.000 persoas tomaron este sábado a saída no desfile de Entroido da Lama desafiando á choiva, que caeu nos últimos momentos do percorrido provocando que a organización dera por concluido o mesmo cando faltaba un grupo por saír. Pese a iso, os ánimos estiveron polo alto, e os concursantes nas dúas diferentes categorías completaron un percorrido de arredor de dous quilómetros co público entregado e aplaudindo en todo momento.

Nunha xornada na que non faltou a diversión, o bo humor, o baile, a música nin, por suposto, tampouco a rosca, un dos momentos que se viviron con máis nervios foi o da entrega de premios, agardada por todos os presentes. Deste xeito, as comparsas gañadoras foron Os Canecos de Poio, Os Solfamidas de Campo Lameiro e Amoriños de Bora, en primeiro, segundo e terceiro lugar respectivamente. En canto aos grupos visitantes, levaron o premio para a casa As Marchosas de Arcade (200 euros) e A Semente de Salcedo (150 euros).

Tamén houbo premios para os grupos locais, disfraces individuais, e para os máis cativos e cativas, que sorprenderon con traxes modernos e tradicionais. Os premiados dos grupos locais foron A Pandilla de Ponte Caldelas (200 euros), Lembranzas da Lama (150 euros) e Onde Vas Paco?, de Cerdedo-Cotobade (150 euros). Todos recibiron tamén unha estatuilla coa imaxe do conde Cabanelas, veciño de Covelo e impulsor do Entroido de Río de Janeiro.

Comentarios