Máis de 50 caravanas déronse cita esta fin de semana en Ponte Caldelas

Andrés Díaz salientou a importancia do "aparcamento gratuíto para este tipo de vehículos a carón da única praia fluvial de España que dispón do galardón de Bandeira Azul"
O alcalde, Andrés Díaz, xunto aos socios de AGA. DP
photo_camera O alcalde, Andrés Díaz, xunto aos socios de AGA. DP

Arredor dun cento de autocaravanistas e máis de 50 vehículos deste tipo concentráronse durante esta fin de semana a carón do río Verdugo en Ponte Caldelas, covertendo ao municipio na capital das autocaravanas.

Da man da Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), achegáronse ao municipio para festexar o Día do Socio no Estacionamento da Praia Fluvial da Calzada, onde foron recibidos durante a xornada do sábado polo alcalde, Andrés Díaz, que apremiou aos participantes a gozar de Ponte Caldelas, da súa gastronomía e da súa natureza, nun enclave privilexiado no que permaneceron ata a xornada do domingo.

Algunhas das visitas programadas durante a fin de semana foron o Centro Ecuestre Atlántico, ubicado en Buchabade, onde asistiron a unha exhibición de salto, así coma o concerto de Four Passengers na Alameda de Ponte Caldelas. Durante a xornada do domingo, os autocaravanistas completaron a estancia camiñando polo sendeiro azul do Río Verdugo.

O alcalde salientou a importancia do "aparcamento gratuíto para autocaravanas a carón da única praia fluvial de España que dispón do galardón de Bandeira Azul", e puxo de manifesto que "durmir e gozar dun espazo máxico e, ao tempo, contar con todos os servizos do casco urbán a menos de cinco minutos andando é un luxo que se fai realidade en Ponte Caldelas", onde se pode "gozar da hostalería, comercio e un sinfín de propostas culturais, patrimoniais e de natureza que farán que os turistas queiran repetir".

Comentarios