lunes. 20.01.2020 |
El tiempo
lunes. 20.01.2020
El tiempo

Máis ca un reforzo académico

A edil de Educación, Marga Caldas (centro), acompañada polo responsable de Igaxe e a diretora do IES. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A edil de Educación, Marga Caldas (centro), acompañada polo responsable de Igaxe e a diretora do IES. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Proxecto educativo ▶O IES Poio acaba de estrear unha iniciativa que ten como obxectivo axudar a aqueles estudantes que se atopan en risco de exclusión e teñen dificultades para avanzar no curso lectivo. As titorías comezaron a pasada semana e continuarán ata xuño

Dende o pasado luns, aqueles alumnos do IES Poio que teñen dificultades á hora de seguir o ritmo das clases en Educación Secundaria ou Bacharelato teñen a posibilidade de mellorar as súas prestacións académicas e o seu rendemento á hora de estudar, grazas a un proxecto impulsado pola ONG Igaxes, en colaboración coa Concellería de Educación e o propio centro educativo da parroquia de San Xoán. Trátase dunha iniciativa que ofrece titorías específicas para mozos e mozas que se atopan en risco de exclusión e que, por diferentes razóns, teñen dificultades á hora de sacar adiante os seus estudos. Este reforzo é un servizo que Igaxes ofrece nuns vinte institutos de Galicia, pero que na comarca de Pontevedra só se pode atopar no da Fontenla.

O programa, impulsado pola ONG Igaxe e o Concello, tamén permanecerá operativo o vindeiro curso

A responsable deste departamento, Marga Caldas; o director da ONG, Carlos Rosón, e a responsable do centro poiense foron os encargados de dar a coñecer as liñas mestras dun programa que manterá operativo ata finais do curso 2019-2020. Caldas Moreira lembrou que estas titorías de apoio xa se prestaron con éxito hai dous anos. Agora, será o Concello o que achegue o 70% do financiamento necesario para cubrir as sesións, que serán impartidas por unha monitora especializada e unha psicológa. "Investir en educación é facelo no futuro da xente nova. Para nós é importante axudar a aqueles rapaces que se atopan nunha situación educativa de emerxencia", sinalou a edil do BNG.

APOSTA. Pola súa banda, Rosón Varela sinalou que, en moitas ocasións, os mozos non reciben o apoio e a axuda necesaria por parte dos seus familiares, o que fai que o seu rendemento escolar se resinta de xeito notable. "Facemos unha aposta pola equidade educativa, que quere dicir que os rapaces que o teñen máis difícil son os que precisan unha maior axuda", explica o responsable de Igaxes. Con respecto á metodoloxía, estas sesións impártense en horario escolar. As técnicas poden traballar ata con doce alumnos, pero este número nunca se supera.

As titorías son tan efectivas que, en moitos casos, bastan unhas poucas sesións para que as melloras académicas comecen a notarse. "Cando é así, o alumno xa pode deixar a praza vacante para outro estudante que o precisa", sinalan os impulsores deste proxecto. As sesións son de carácter semanal.

Máis ca un reforzo académico
Comentarios