Máis de cen escolares de Poio achegaranse a Combarro para entender o seu valor cultural

O Concello promove 'Patrimoniármonos', unha ruta didáctica guiada por Tamara de Andrés

Presentación de Patrimoniármonos en Poio
photo_camera Presentación de Patrimoniármonos en Poio.

O Concello de Poio continuará, no mes de abril, coas actividades destinadas a promover a educación dos máis pequenos con respecto ao seu contorno e aos principais valores que os rodean no municipio, que están englobadas co o lema Educándonos en Poio.

A concelleira de Educación, Marga Caldas, e o responsable de Facenda e Patrimonio, Xulio Barreiro, compareceron este luns para presentar a nova proposta que achegará a máis dun cento de nenos á vila de Combarro. Trátase do programa denominado Patrimoniármonos e, de momento, ten unha data única, o vindeiro venres 27. A cita permitirá que os cativos gocen dun percorrido guiado por todo Combarro, no que a poeta e membro da asociación Armadiña Tamara de Andrés exercerá de maestra de cerimonias. 

"A idea é que os nenos poidan acceder á información desde un punto de vista máis didáctico e menos técnico que lles permita ser conscientes da importancia de coidalo e conservalo", explicou este luns Marga Caldas, quen destacou a importancia de poder dirixir actividades específicas aos veciños máis cativos "de cara a que eles entendan o que é o noso patrimonio e sexan conscientes, dalgún xeito, da súa relevancia e da importancia que ten para todos". 

Así, Caldas explicou que os cativos partirán da propia definición do termo Combarro no dicionario, para ir enlazando o seu significado cos elementos máis presentes nas solainas das casas da zona histórica e monumental. 

No transcurso da visita os nenos poderán comparar presente e pasado, pois verán imaxes antigas de como era a vila e de como esta foi evolucionando, e poderán percorrer as súas rúas para entender algúns detalles relativos a como foi construída, cal é o sentido da súa disposición e cal é a súa relación co mar e a agricultura.

Calcúlase que preto de 130 cativos se achegarán a esta ruta guiada, dos que a maioría son alumnos de quinto curso de Primaria. Os colexios Lourido, Chancelas, Espedregada e Isidora Riestra achegan a todos os alumnos deste curso, mentras que os centros de Raxó e de Viñas, que teñen grupos máis reducidos, poden incluír a alumnos de sexto ou cuarto curso, respectivamente, no grupo que realizará a actividade.

Comentarios