Máis dun cento de negocios locais adáptanse ao mapa virtual de 'Poio Confía'

A iniciativa visibiliza a rede de establecementos co selo distintivo que garante a seguridade
Presentación do selo 'Poio Confía' o pasado mes de outubro. GONZALO GARCÍA
photo_camera Presentación do selo 'Poio Confía' o pasado mes de outubro. GONZALO GARCÍA

Adaptarse ou morrer. É o lema de máis dun cento de negocios locais de Poio, que xa se adaptaron á era dixital a través do mapa virtual de Poio Confía, no que están representados o sector comercial e hosteleiro do municipio, despois de que o selo se presentara o pasado mes de outubro. Esta nova ferramenta online pronto será posta a disposición do público co obxectivo de que a veciñanza poida descubrir dunha ollada á variedade de negocios que hai no municipio, e atopar información sobre eles.

O Concello está a ultimar a posta a punto da ferramenta, na que están incluídos os negocios que contan co selo Poio Confía, co que o Concello garante que cumpren os requisitos en materia de seguridade sanitaria, aforo e hixiene.

Ata o momento, máis de 100 negocios de Poio foron asesorados a través deste programa. Así o lembraron o concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís, e a edil de Turismo, Silvia Díaz, responsables de Poio Confía, quenes tamén explicaron que "con este mapa virtual, o que se busca é un dobre obxectivo. Por unha banda, entendemos que é necesario ofrecer aos veciños e veciñas unha ferramenta que resulte sinxela e efectiva á hora de realizar a busca dalgún servizo que precisen. Ademais, temos claro que tamén é prioritario darlle visibilidade ás pequenas empresas e autónomos, para poñer en valor o seu esforzo e compromiso neste contexto tan difícil". 

No mapa poiense pódese atopar información sobre negocios de diferentes eidos, dende tendas de produtos do fogar, autoescolas, comercios de todo tipo, talleres de vehículos, librarías, profesionais do rotulado, locais de tatuaxes ata zapaterías con selo de seguridade. Ademais, no mapa virtual hai un apartado especial para todos aqueles establecementos da hostalería que dispoñen de servizo de recollida de comida para levar ou de envío a domicilio. Deste xeito, os e as interesadas poderán informarse sobre os seus produtos e horarios de funcionamento, entre outros datos. Os negocios hostaleiros interesados en sumarse a esta iniciativa poden enviar os seus datos a [email protected] ou chamar ao 625120475 para resolver dúbidas sobre o funcionamento.

Nova campaña para o consumo de proximidade
O Concello de Poio porá en marcha a campaña Quen é quen? co obxectivo de dinamizar o consumo de proximidade, poñendo en valor o comercio local, especialmente durante o Nadal. Entre os atractivos desta iniciativa está o ofrecemento de descontos á hora de efectuar compras noutros establecementos locais que tamén se asocien á campaña, e que entrarán no sorteo de agasallos que se entregarán a finais do vindeiro mes de decembro. Deste xeito, no momento de efectuar unha compra, outorgaráselle un vale de desconto ao cliente, do que poderá facer uso noutros negocios adheridos. Ese vale incluirá un código para o sorteo.

Os negocios participantes contarán cun selo acreditativo, que estará exposto tanto no local como no mapa virtual de Poio Confía. Os departamentos de Turismo e Promoción económica reafirmaron o seu compromiso de continuar traballando en contacto con estes sectores.

Comentarios