O mal tempo non pode coa festa do Petote

A novena edición deste evento chegou a reunir a 350 comensais que non temeron nin á choiva nin ao vento

Un dos momentos da festa do Petote. DP
photo_camera Un dos momentos da festa do Petote. DP

A IX Festa do Petote, que se celebrou desde esta mañá de domingo en Carballedo, reuniu a 350 comensais malia o forte temporal de choiva e vento que afectou a Cerdedo-Cotobade, o que obrigou a trasladar todas as actividades ata o pavillón municipal.

A xornada comezou coas actuacións de charanga Charandonga e Pandereteiras do Val de Quireza e, grazas a unha pequena tregua da choiva, púidose celebrar parte do desfile de comparsas entre a travesía da Chan e o polideportivo. Participaron As Marchosas de Arcade, Os Solfamidas, O Bar de José, Os da Caña e Cor Café, que ofreceron un gran espectáculo e animación tamén no interior do recinto.

Na festa do Petote houbo tempo para todo tipo de actos. DP

No pavillón houbo xogos e inchables para os rapaces, postos de venda de produtos e de promoción de certas festas gastronómicas do municipio, como a Filloa de Valongo, o Requeixo da Corredoira ou o Pan de Millo e Ovo de Tenorio, e un servizo de bar moi demandado para gozar do vermú. Por mor da adversa climatoloxía tivo que suspenderse a concentración de motos vespa.

Pasadas as dúas da tarde, comezaron a repartirse os cocidos completos con petote a cargo da cociñeira Carmen A de Perdiz e o seu equipo e a sobremesa estivo animada polo Dúo Prisma.

O presidente municipal, Jorge Cubela, amosou a súa satisfacción polo resultado da festa, "xa que cremos que houbo moita xente para o mal tempo que facía e ademais houbo máis animación ca nunca". En todo caso, o rexedor anunciou que para 2018, por mor da décima edición, "tentaremos facer algo especial, comezando por sacar todas as actividades e o xantar popular á Praza da Chan se a climatoloxía o permite". Ademais, indicou que pretenden darlle unha volta a certos aspectos da cita gastronómica "para que, aínda que haxa un día de degustación, o petote poida extender a súa sona e xenerar riqueza na hostalaría e os restaurantes locais durante un espazo de tempo máis prolongado".

Comentarios