Malestar veciñal pola falta de beirarrúas nas obras da estrada Lourido-Campelo

Os veciños quéixanse de que "agora temos menos espazo para aparcar" ► O Concello asume a creación de aparcamento "coa debida cesión de terreo"
A obra da estrada provincial inclúe unha soa beirarrúa. CEDIDA
photo_camera A obra da estrada provincial inclúe unha soa beirarrúa. CEDIDA

A obra da estrada provincial entre Lourido e Campelo foi, no seu momento, unha fervorosa demanda por parte dos veciños da zona, debido á perigosidade da antiga vía, no que os accidentes se sucedían continuamente. A principios de 2019 comezaba a obra, que contempla a mellora dos accesos e sendeiros peonís, entre outras, financiada pola Deputación de Pontevedra ao 70% e polo Concello de Poio a cargo do Plan Concellos da Deputación, ao 30%. Agora, a semanas de rematar a actuación, veciños da zona de Esqueiriños deron a voz de alarma en que "só hai beirarrúa por un lado, e é o lado contrario ao das casas" explica un deles, en representación doutros sete fogares afectados. Ademais, critica que a nova beirarrúa está "ao nivel da estrada".

"Quedamos moito peor que antes. Ao facer a beirarrúa achegan a estrada ás casas, aínda é moito máis perigoso e nin sequera nos queda espazo para aparcar os coches, que algúns veciños deixan na entrada", sinala o veciño ."Eu teño fillos pequenos, e xa non podo mandalos a tirar o lixo, é moi perigoso".

URBANISMO. O Concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, saíu onte ao paso das críticas para ofrecer, por parte do Concello de Poio, a posibilidade de "facer prazas de estacionamento, sempre e cando os veciños cedan terreo, porque este é o espazo que hai, non dá máis".

Agís destacou que a obra da estrada aportará "máis seguridade" á zona, que gañará en visibilidade grazas á iluminación prevista, e tamén explicou o motivo de que a beirarrúa se sitúe ao nivel da estrada. "Esta intervención faise con criterios de seguridade e tamén de accesibilidade, por iso a beirarrúa está ao nivel da estrada. É un proxecto que contempla a accesibilidade universal, do século XXI, e a beirarrúa debe ser accesible para todos". O concelleiro de Urbanismo lembrou que se trata dunha actuación "moi demandada", que comprende dous quilómetros de vía en total, cun orzamento de arredor de 1,8 millóns de euros.

Comentarios