Mapfre achega 17.545 euros para pagar os danos do lume do Pavillón de Campo Lameiro

Instrumentos calcinados no transcurso do incendio. DP

A aseguradora cubrirá todas as perdas da Comparsa Os Solfamidas, polo que desembolsará 9.000 euros só para sufragar os disfraces 

CAMPO LAMEIRO. O Concello de Campo Lameiro explicou onte os pormenores da valoración que a compañía aseguradora Mapfre ofreceu polos danos ocasionados no Pavillón de Deportes, como consecuencia do incendio da noite de Reis.

Estes danos remataron con todo o material da Comparsa Os Solfamidas, cunha gran cantidade de material escolar para as materias de psicomotricidade do CEIP Pedro Antonio Cerviño e con todos os elementos do belén artesanal realizado a man polos veciños. A valoración realizada por Mapfre e que aceptou o Concello suporá o desembolso, en total, de 17.345 euros para destinar á reposición destes danos. Así, segundo relata o Concello, Mapfre acepta cubrir o 100% dos danos ocasionados polo lume a esta agrupación, o que supón a achega de máis de 9.000 euros só para sufragar os disfraces e material perdidos no incendio.

As indemnizacións que corresponden ó equipamento lúdico-deportivo do Colexio, ás figuras e elementos decorativos do Belén e ós bens da Comparsa Os Solfamidas serán abonadas pola a aseguradora ó Concello, sendo este o que, mediante a presentación de facturas, abone os importes. Así, para equipamento deportivo do colexio hai unha cantidade de 4.583,25 euros. Outros 3.049,60 euros corresponden ao belén, mentras que as perdas de Os Solfamidas ascenden a 9.712,88 euros. Ademais, as obras de reparación e reposición do anexo que ardeu correrán a cargo da aseguradora. O Concello estimou no seu día que esta reparación podía chegar a ascender a 100.000 euros, se se decretaba a necesidade de repoñer toda a cuberta e as paredes da edificación. Ao ser a aseguradora a que asuma as obras, aínda non se deu a cifra oficial do custe desta intervención.

O incendio no anexo do Pavillón Municipal de Deportes puido deberse a un cortocircuíto, aínda que inicialmente se descartou que este se xenera na iluminación dos adornos de Nadal, posto que estaba desenchufada. As instalacións empregábanse como local de ensaio da Comparsa Os Solfamidas e como consecuencia diso, arderon non só disfraces, senón tamén instrumentos musicais, de modo que as perdas case abocaron á comparsa á súa desaparición. De feito, Os Solfamidas iniciaron unha recadación solidaria para poder seguir traballando e evitar así quedar sen poder acudir aos desfiles de Entroido.