Poio

Marga Caldas asume a dirección do novo Consello Local do BNG

A edil de Seguridade Cidadá é a única concelleira que forma parte da renovada dirección
Integrantes da nova directiva, durante unha reunión de traballo celebrada hai uns días. CEDIDA
photo_camera Integrantes da nova directiva, durante unha reunión de traballo celebrada hai uns días. CEDIDA

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Poio fai un punto e seguido na súa traxectoria a nivel municipal. O colectivo inicia desde agora unha nova etapa, na que entra introducindo novidades moi importantes no seu Consello Local. A nova responsable nacionalista será Marga Caldas, actual concelleira de Seguridade Cidadá e Deportes. Xosé Rial, que formou parte da lista electoral presentada ás últimas eleccións municipais, asume o cargo de vice-responsable. O resto da directiva pasará a estar composta por María Pousada, Francisco Acuña, Josefa Otero, Alfonso Villanueva, Xan Cambón e Martín Coego.

Esta configuración tradúcese nunha notable renovación con respecto aos anteriores responsables. Tanto é así, que Caldas Moreira será a única integrante do Goberno poiense que se mantén no Consello Local, onde en anos anteriores xa desempeñou diferentes funcións. Agora, a líder nacionalista toma a testemuña de Xosé Luís Martínez, que, precisamente, fóra reelexido coma máximo responsable hai algo máis de dous anos. Tamén desaparece da lista o alcalde, Luciano Sobral, así como outros membros cunha ampla traxectoria neste eido, como a exconcelleira de Cultura Lidia Salgueiro ou o sindicalista Xaquín Agulla.

Os novos dirixentes do BNG de Poio destacan a xuventude dos integrantes da dirección e márcase coma meta principal "a defensa dos intereses das veciñas e veciños da vila", tanto no que se refire aos seus dereitos persoais e colectivos coma para loitar "pola dotación de servizos e infraestruturas". Ademais, salientan "a nosa obriga de seguir creando país desde a nosa localidade".

Neste sentido, o Bloque Nacionalista Galego ten claro que desexa traballar da man de non só os militantes e simpatizantes, senón de toda a veciñanza. "A procura de solucións aos problemas que temos e o desenvolvemento de proxectos que sirvan para construír un Poio mellor debe buscarse xerando complicidades entre os veciños e coas organizacións sociais", destaca o Consello Local, que tamén considera necesario continuar ampliando a base social nacionalista no concello.

"Como até agora, o BNG continuará traballando na rúa e nas institucións defendendo os intereses de Poio e do noso país, así coma acompañando ás plataformas e colectivos nas súas reivindicacións para a mellora da calidade de vida dos cidadáns", finalizan os novos responsables da cúpula local. Esta renovación chega uns meses despois de que o BNG perdese un concelleiro na Corporación e de que o alcalde, Luciano Sobral, deixase entrever o final da súa etapa en política en 2023.

Comentarios