Marga Caldas asume Sanidade e Patrimonio na recta final do mandato en Poio

A nacionalista suma áreas máis visibles tras ter sido designada candidata do BNG, pero non cambia a composición das comisións respectivas
Marga Caldas
photo_camera Marga Caldas, na comparecencia na que se anunciou que sería candidata. G. GARCÍA

Revolución a pequena escala nun dos tres grupos de Goberno de Poio para encauzar o traballo de cara á recta final do mandato en coalición. 

O BNG, en consecuencia co anuncio realizado de que Marga Caldas será a candidata no seguinte periodo electoral e de que Luciano Sobral se retirará definitivamente, vén de reformar a súa estrutura de Goberno de cara a que Caldas asuma máis áreas e algunha das delegacións nas que os nacionalistas queren reforzar o seu traballo e gañar visibilidade neste periodo.

Deste xeito, o edil de Facenda e Patrimonio, Xulio Barreiro, deixará de ter competencias no seguemento da carteira de Patrimonio, na que se inclúe a xestión do Plan especial de Combarro e Catálogo de Edificios e conxuntos do Concello de Poio (Patrimonio), que pasará a ostentar Caldas Moreira. 

Á súa vez, a área de Sanidade, que custodiaba Xosé Lois Martínez Blanco, tamén pasa a formar parte das responsabilidades de Caldas Moreira.

As tarefas de Normalización Lingüística e Memoria Histórica pasará a dirixilas Raquel Rodríguez

Para incorporar estas competencias e manter ao tempo a área de Deportes e a de Seguridade Cidadá, a concelleira e segunda teniente de alcaldesa deixará unha das súas responsabilidades que lle fora asignada no reparto de competencias efectuado o 21 de xullo de 2019. 

Deste xeito, as tarefas de Normalización Lingüística e Memoria Histórica pasará a dirixilas Raquel Rodríguez, quen se incorporou en 2019 ao equipo municipal e que tiña, ata o momento, Educación e Cultura.

Xulio Barreiro queda ao cargo das áreas de Economía e Facenda e Novas Tecnoloxías, mentras que Martínez Blanco continúa coas áreas de Medio Ambiente, Persoal e Festexos e é terceiro teniente de alcalde. 

O BNG adianta que non cambiará aos titulares nas comisións respectivas nin modificará os órganos de Goberno, aínda que Caldas asuma a portavocía destas dúas áreas. No que si asumirá a presidencia será na Mesa Pola Defensa da Sanidade de Poio, integrada por todas as formacións políticas, así como colectivos sociais. 

Xulio Barreiro queda ao cargo das áreas de Economía e Facenda e Novas Tecnoloxías, mentras que Martínez Blanco continúa coas áreas de Medio Ambiente, Persoal e Festexos


O decreto para o cambio de áreas asinouse a mediados da semana pasada e o Goberno local dará conta do mesmo no pleno que se celebrará este martes.

Unha vez cumprido este trámite, as delegacións pasarán a ser efectivas, aínda que, como sinala a agrupación municipal do BNG trátase de "determinadas cuestións que Marga Caldas xa vén asumindo todo este mandato. Agora asumirá toda a portavocía das mesmas en colaboración directa cos compañeiros", indica o BNG, que lembra tamén que "a construción do novo centro de saúde e a xestión da adquisición dos novos terreos son cuestións fundamentais para este Goberno, xunto coa problemática e deficiencia sanitaria que sofre a Atención Primaria e que vimos demandando estes últimos anos dende o BNG".

Con respecto á área de Patrimonio, os nacionalistas entenden que a concelleira ten que ser a cabeza visible desta área, posto que "hai un importante traballo desenvolvido por Caldas e Barreiro de recuperación e rehabilitación urbanística e de vivenda que van culminar este mandato".

Comentarios