Marga Caldas sucede a Luciano Sobral no BNG e será candidata a alcaldesa de Poio

Sobral cumprirá co mandato como alcalde, pero a actual concelleira de Deportes irá asumindo competencias nestes nove meses para "estar ao 100% coa veciñanza"

photo_camera O rexedor de Poio, Luciano Sobral, anunciou este mércores o inicio dunha "etapa nova" ao darlle a remuda na candidatura á alcaldía polo BNG á edil Marga Caldas. VÍDEO: GONZALO GARCÍA

O BNG de Poio convocou este mércores unha conferencia de prensa para anunciar o que xa era un segredo a voces: a concelleira de Deportes e Seguridade Cidadá, Marga Caldas, será a candidata da formación nacionalista á Alcaldía de Poio, sucedendo neste posto a Luciano Sobral. O actual rexedor acumula con este mandato 27 anos ininterrompidos ao mando do Concello e 43 anos como concelleiro na Corporación de Poio, posto que entrou como edil nacionalista xa coa primeira democrática, en 1979.

Sobral non ocultou a emoción no acto no que lle deu o relevo oficial a Marga Caldas, da que destacou que é unha candidata preparada, con gran capacidade de adicación e "compromiso" tanto de cara aos veciños como de cara á organización, "na que non está por aparentar, senón porque comparte o proxecto político do nacionalismo". 

Caldas, que posteriormente aclarou que foi escollida por votación maioritaria nunha asemblea da agrupación local, tomou a palabra para agradecerlle a Sobral o seu labor, pero, sobre todo, para explicar que en próximas xornadas se producirán cambios no reparto de competencias que os concelleiros nacionalistas teñen dentro do Goberno tripartito de Poio "para poder estar ao 100%" coa veciñanza, atender aos problemas do día a día municipal e comezar a traballar xa no "proxecto de futuro" para Poio. Luciano Sobral, malia todo, conservará a Alcaldía, ao considerar "que debo rematar este periodo para cumprir co mandato que me deu a cidadanía nas últimas eleccións".

Marga Caldas ten 42 anos e dedicábase a traballar no sector xudicial antes de pasar a ter dedicación completa no Concello de Poio, desde decembro de 2020. Milita no BNG desde o ano 2002 (20 anos) e entrou como concelleira na Corporación por primeira vez no ano 2009, para substituír ao compañeiro falecido Miguel Pazos, edil nacionalista de Deportes. Desde ese ano, e xa van 13, Caldas fíxose cargo sen interrupción da devandita área de Goberno, e na súa presentación como candidata subliñou que esa seguirá sendo unha das súas preferencias mesmo para articular o programa de futuro de Poio.

"Levo 13 anos sendo concelleira de Deportes e ese será un dos eixos do noso programa", dixo. Ademais do poder articulador das actividades deportivas no benestar e na economía local, a concelleira anunciou que defenderá unhas infraestruturas xustas e unha política de transformación de cara ao futuro de Poio na que todos os veciños "desde San Salvador ata Raxó" teñan cabida e na que se contemple a problemática de todas as franxas de idade. Nese senso, anunciou tamén que a súa primeira reunión como candidata será coa mocidade do municipio.

Tanto Sobral como a nova candidata emprazáronse para o mes de xuño do 2023, ano no que Sobral desexou "poder entregarlle o bastón de mando a Marga como a primera alcaldesa" que será deste Concello desde a súa constitución, no ano 1837.

Comentarios